Xulia Minguillón, de María Reimóndez

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Xulia Minguillón, de María Reimóndez

Xulia Minguillón, de María Reimóndez

María Reimóndez

Xulia Minguillón (ilustracións de Eva Agra)

Urco, col. Mulleres bravas da nosa historia, Santiago, s/p páxinas, 10 €, 2017.

 

Veño atendendo, con interese e particular devoción, creo que a totalidade de libros que se foron publicando ao abeiro da editorial Urco no seo da colección Mulleres bravas da nosa historia. A iniciativa, necesaria e plausible, pon en circulación un material valioso baixo a intención de divulgar o papel desenvolto por mulleres cuxa actividade foi ocultada ás máis das veces.

Nesta liña de redimensionar e espallar biografías e percorridos creativos, no que entendo como un labor que afonda neste patrimonio tantas veces ignorado e minusvalorado, tócalle a quenda á pintora Xulia Minguillón da man da escritora, igualmente lucense, María Reimóndez. Para cumprir este obxectivo guiámonos polas consideracións e puntos de vista dunha cadela chamada Tyla: recurso operativo para ir achegándonos con funcionalidade e efectividade aos datos biográficos máis salientables da pintora, isto é, o seu ámbito familiar, o período de formación, as vivencias na guerra civil e o traballo artístico, en suma, daquela muller á que “unha raiola de luz lle abondaba para ser feliz” e que, como sinala a autora do libro “pintou como quixo, libre”.

Como é común na serie non se abandona a perspectiva de converter a achega nun libro formativo con numerosa información de carácter divulgativo, neste caso sobre a pintura e o mundo da arte, alén de diversas propostas didácticas acaídas para o lectorado novo a quen vai dirixido en primeira instancia, aínda que non só.

Arquivado en:Crítica literaria, Divulgación, Efeméride, Ensaio Tagged: Eva Agra, María Reimóndez, Mulleres bravas da nosa historia, Urco, Xulia Minguillón
Source: Caderno da crítica

2018-01-09T09:59:54+00:00 09 / 01 / 2018|Caderno da crítica|