Volvermos engaiolar nos soños

Volvermos engaiolar nos soños

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 1 de febreiro de 2018.

Ao longo das últimas cinco décadas, con certeza, non hai xeración galega que non vise acompañado o seu camiñar polo poemario máis exitoso de Manuel María, Os soños na gaiola (1968).

Isto explica a sucesiva publicación de novas edicións que o autor coidou sempre con agarimo e que aínda gardan unha vixencia plena neste 50 aniversario de profunda e consolidada madurez que, ao tempo, xustifica a influencia en tantas lectoras e mesmo naquelas que, tempo andado, se recoñecen herdeiras da súa semente poética.

A alta recepción da obra poética infantoxuvenil de Manuel María foi contrastada nas súas múltiples reedicións, nomeadamente o poemario Os soños na gaiola, ao ser empregado como fundamental complemento didáctico e musicado por formacións con rexistros sonoros tan diferentes como Fuxan os Ventos, Pirilampo, Suso Vaamonde, María Manuela ou Uxía, así como escenificado por parte de compañías amadoras e profesionais.

Aos corenta anos, o consolidado poeta Manuel María retorna ao seu pasado máis íntimo e persoal, fotografado na infancia campesiña, e desas lembranzas nacen os versos do medio cento de poemas d´Os soños na gaiola.

Mais non era obxectivo singular trazar nestes versos a autopoética da memoria biográfica, senón, como describe no prólogo intitulado “Carta aos nenos”, debullar os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno, para, desde unha perspectiva colectiva, contribuír a encher un oco existente na literatura galega daquela altura con versos precisos que falasen de nós.

Manuel María non permaneceu alleo a ninguna aresta do seu tempo, tampouco á necesidade de afrontar o desenvolvemento destoutra póla irrenunciábel da construción nacional que é a formación das xeracións mozas e axiña dá ao prelo, como poeta pioneiro, os poemarios Os soños na gaiola (1968) e As rúas do vento ceibe (1979), con senllos prólogos ben clarificadores a este respecto.

Un primeiro poemario que nacía cunha firme vontade didáctica e que pulou polo segundo por causa de múltiples peticións de amizades e profesorado. Un enfoque, no entanto, que atravesaba en conciencia o conxunto da súa obra literaria.

Eu penso que non só os libros pra nenos senón tódolos libros, toda a literatura en xeral, ten unha intención didáctica, con esto quero decir que, aínda a literatura mais descomprometida, por exemplo a lírica mais metafísica, se ten algún valor é polo que ten de educativo. Toda a literatura que sexa boa, auténtica, ensínache sempre, ou un xeito especial que ten de sentir o autor ou un xeito especial de espresarse …, algo que ti non coñecías, un matiz… é decir que sempre leva algo, sexa moito, sexa pouco, dun sentido didáctico.

Unha ollada retroactiva, superadas xa as cinco décadas desta publicación, permite confirmar que a empatía comunicativa entre a escrita sempre actual do poeta de Outeiro de Rei e os nenos e nenas galegas de varias xeracións foi exitosa, grazas, en boa medida, ao imprescindíbel elo educativo e coa música como permanente aliada cómplice, así como á presenza garantida do poeta en todos os centros do país onde foi reclamado, prolongada máis aló da presenza física puntual do día da visita, nun continuado intercambio epistolar coas crianzas para o que sempre Manuel María procuraba tempo para responder puntualmente.

E nesta altura en que a obra permanece e sobrevive ao corpo, recibimos o agasallo dunha nova entrega, conmemorativa do 50 aniversario, en edición facsimilar, daquela primeira edición publicada en Lugo por Cartonajes ANMI grazas ao labor divulgativo incansábel e sempre meritorio da Fundación Manuel María.

É agora cando podemos comprobar o auténtico berce que abalou aquela primeira impresión con orixinais ilustracións de Raimundo Patiño, agora acrecentado e arrequecido cun estudo introdutorio actualizador da profesora Montse Pena Presas, que verifica algunhas das claves basilares para comprendernos o alcance dunha obra sempre viva, que perdura no tempo para nos continuar a lembrar que

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

Source: Mercedes Queixas

2018-02-25T13:28:57+00:00 25 / 02 / 2018|Blog de Mercedes Queixas|