Volver a Ítaca. Adeus ás Criaturas!

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Volver a Ítaca. Adeus ás Criaturas!

Volver a Ítaca. Adeus ás Criaturas!

En decembro deste ano 2019 a revista Criaturas chega aos 5 anos de vida. Este proxecto comezou a xestarse no ano 2012 e veu á luz na súa presentación no Culturgal do ano 2014 como un proxecto pioneiro de difusión da literatura infantil e xuvenil do noso país.

Cómpre anunciar, logo dunha prolongada inactividade, a fin desta pequena aventura que procuramos manter ao longo do tempo. Sabemos que os últimos dous anos a nosa actividade foi pouco menos que testimonial, non obstante, somos conscientes do  esforzo desinteresado que as persoas que conformamos os diferentes equipos de traballo e as persoas que nunca dubidaron en colaborar connosco, polo que esta despedida é necesaria.

Non se trata dunha despedida amarga, estamos orgullosas do traballo realizado e dos esforzos que empregamos nesta viaxe, máis é tempo de que outras e outros tomen o relevo. Os nosos folgos chegaron ata aquí, sempre cun sorriso, sempre coa mesma ilusión.

Na memoria quedan dúas das persoas que formaron parte deste Consello Editorial desde o comezo. Dúas persoas que achegaron desinteresadamente a súa experiencia, sempre coa man tendida, Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo, grazas aos dous por formar parte deste proxecto.

Outro recordo especial para Diego Oca, a persoa detrás do código que fixo que toda a parte técnica funcionase e a quen botamos moitísimo de menos.

Así mesmo queremos agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que nalgún momento formaron parte desta tolemia, sodes moitas, sodes moito. Non queremos facer un listado por medo a esquecer algún nome, mais somos completamente sinceros se dicimos que este proxecto non tería sentido sen todas e cada un de vós, todos e cada un de vós.

Por último, queremos agradecer a todas as persoas que se achegaron a Criaturas, polo motivo que fose, desde alumnado que nos solicitaba información para elaborar os seus proxectos de aula, lectoras e lecotres e profesorado de Galicia, Brasil ou Portugal, que mostraron o seu interese en nós. Estamos fondamente impresionadas!

A primeiros de decembro este portal deixará de existir. As nosas redes sociais permanecerán abertas por se nalgún momento queredes poñervos en contacto connosco.

As revistas quedarán en liña na plataforma isuu:

numerocero

 

En canto a todos os artigos que apareceron na web procuraremos deixalos dispoñibles, ben sexa nas redes sociais, ben como un último recopilatorio na propia plataforma de issuu.

Volvemos a Ítaca mais ás naves estarán prestas a zarpar cando os ventos sexan favorables!

 

Daniel Landesa

Source: Criaturas

2019-11-12T09:46:35+00:00 12 / 11 / 2019|Criaturas|