Volven os maios a Mondoñedo

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Volven os maios a Mondoñedo

Volven os maios a Mondoñedo

Álvaro Cunqueiro, en palabras de X. Díaz Jácome, foi clave na recuperación dos maios de Mondoñedo en 1934. Con letra del e música de Manuel Ledo Bermúdez, o Pallarego, o coro infantil da rondalla O Eco esparexeu aquel ano polas rúas mindonienses este cantar que comeza “Maio está entrando por portas/ o Maio de namorar / Maio desfolla nas rosas / para ver con quen casar“.

Os maios de 1934, recuperados a imitación dos de antano aínda que modernizados esteticamente por Bernardino Vidarte sen perder a tradicional solemnidade, resultaron un éxito enorme. Mentres a carroza co Rei Maio andaba as rúas seguida de mozas vestidas de verde follaxe de pravias e coroas de loureiro e mozos con floridas monteiras, desde as ventás das casas caía o aguinaldo de castañas secas (maiolas) e noces, o que lles lembraba aos organizadores, en palabras de Cunqueiro, o rito de “resurrección da terra maternal e carnal”. Rito e celebración que se repetirían nos anos 1935 e 1936.

E se Cunqueiro foi decisivo naquela recuperación dos maios, non o foi menos o seu amigo, o músico e barbeiro Manuel Ledo Bermúdez, o Pallarego. Nado no Barrio dos Muíños o 30 de xaneiro de 1899 rexentou desde 1916 unha famosa barbería da praza da Fonte Vella, ateneo de tonsuras e cátedra laica da cultura mindoniense ata o seu pasamento en xullo de 1964.

Foi neno de coro e violinista da catedral, actor teatral, mecenas de operas primas da autoría de X. Trapero Pardo, Aquilino Iglesia Alvariño e o mesmo Cunqueiro, correspondente de El Progreso, presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Ensinou música, a súa paixón, creou comparsas de Antroido e coleccionou selos, recompilou coplas e cantos populares. Fundou e dirixiu o coro e a rondalla O Eco e a escola de música da Fundación Lodeiro Piñeiroa. Musicou infindas letras, desde panxoliñas aos propios maios, entre elas o coñecido Cantar das Coruxeiras, agasallo de afecto ao seu amigo Álvaro Cunqueiro con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega.

En 1935 houbo dous maios, o organizado por O Eco e O Pallarego, no que se cantaron letras de Cunqueiro e Díaz Jácome, e outro, organizado polos pícaros, que cantaban coplas populares como esta: Levántate, Maio, que tanto durmiches. Xa pasou o burro e ti non o viches!

Por todo o dito e por moito máis, e ben merecido o tiña, a Escola de Música Municipal de Mondoñedo leva o seu nome desde 1997 así como unha rondalla creada na súa memoria pola súa filla, Remedios Ledo Vizoso. Urxe reeditar a monografía da autoría de F. Mayán, “Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego”, publicada pola Deputación Provincial en 1991, para que as novas xeracións coñezan o seu legado.

Este maio de 2019 volverán os Maios a Mondoñedo. O día 1 teremos un aperitivo para dar comezo ao recital “Mondoñedo é poesía 2019”. A carroza do Rei Maio volverá a percorrer as rúas pois a organización do evento poético quere render xusta homenaxe a quen foi artífice da súa recuperación en 1934, ao cumprírense 120 anos do seu nacemento. Pero será o 16 de maio cando Mondoñedo se engalane de novo para, coa participación de mozas e mozas, revivir aqueles maios de tempos de esperanza e ilusión, tempos que oxalá non se malogren, que duren alegres mil primaveras e en cada unha recibirémolo como se fixo entón: Ehí ven o Maio, señor Capitán. Bótelle as maiolas da hucha do pan!

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-04-15T17:06:40+00:00 15 / 04 / 2019|Caderno de campo|