Vivir sen permiso e outras historias de Oeste

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Trafegando ronseis/Vivir sen permiso e outras historias de Oeste

Vivir sen permiso e outras historias de Oeste

Defraudoume a lectura deste libro de Manolo Rivas publicado por Xerais, Vivir sen permiso e outras historias de Oeste. Son moi fan deste autor e coido que é boísimo “nas distancias curtas”, por iso fíxome moita ilusión achegarme a un seu libro de relatos. Quizais por iso a desilusión foi maior, aínda que sempre sexa un pracer gozar coa súa escrita e o seu estilo .
O libro consta de tres relatos, tres historias diferentes que acontecen no Oeste, na Galiza, co mar como escenario ou como protagonista. Un mar que simboliza o ancio de liberdade: “vivir sen permiso”. 
Quedo co primeiro dos relatos: “O medo dos Ourizos”, que conta como uns mariñeiros atopan droga, con todo o que iso pode supoñer, de cartos e de risco. Arredor deste núcleo xira o conto, a vida dura do mar, a vida dura que se afasta da vida en terra, quizais aínda máis dura porque promete menos liberdade. Pareceume un relato lírico na liña do mellor Rivas.
O segundo relato ofrécenos personaxes dunha serie de televisión en circunstancias que alí non se poden ver. Non vin a serie, así que non lles puxen cara nin me deu particular morbo. Non me convenceu. 
O terceiro relato é o máis curto, un relato ambientado no cárcere, lugar que máis fincapé fai na falta de liberdade, e que virá dada pola lectura. É a lectura a que permite viaxar co maxín, tanto o lector como as persoas que escoitan o que el le. Aquí reside a fermosura do relato: a reivindicación da lectura e da literatura como arma. A mellor arma. Non hai outra. Por iso os ditadores queiman libros. Os libros son quen de outorgar a liberdade a presos. Que grande!

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2019-02-10T17:55:00+00:00 10 / 02 / 2019|Trafegando ronseis|