Vivir na fin do mundo, de Christina Lilliestierna

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Vivir na fin do mundo, de Christina Lilliestierna

Vivir na fin do mundo, de Christina Lilliestierna

CUB_vivirnafindomundo_webChristina Lilliestierna

Vivir na fin do mundo (tradución de Marta Dahlgren e Camiño Noia)

Rinoceronte, Cangas, 214 páxinas , 18 €, 2019

 

A historia de Christina Lilliestierna resulta, cando menos, singular. Xornalista e escritora sueca, radicada en París, decide darlle un xiro á súa vida e, a finais dos anos sesenta, chega a Galicia coa intención de mercar unha casa e asentarse entre nós. Boa parte do argumento que desenvolve neste libro, que gozou de estimable éxito no seu país,  relata como deu co Pazo do Cadro en Marín, cal foi o proceso de  compra e de lenta restauración da vivenda, mais sobre todo repara na identidade dunhas xentes e dun país que, en primeira instancia, lle causaban unha impresión “da Idade Media con certos trazos de modernidade despistados”: un territorio no que se  detivera o tempo. Mais, aos poucos, segundo se avanza na narración, a autora afonda nas razóns dese estar fóra do tempo, nas causas da emigración e dos estigmas sociais e colectivos…, e acerta no seu diagnóstico: amplía e matiza a súa visión inicial porque busca á xente, persegue o coñecemento a través do diálogo e percibirá en Marín a sensación, por fin, de pertencer a un sitio onde, confesa, aprende a vivir.

A medio camiño entre crónica e memorialismo este libro, que viu a luz en galego en 1983 en Edicións Xerais cunha tradución a cargo de Marta Dahlgren e Camiño Noia, quen prologa esta nova edición revisada, esperta un crecente interese desde o comezo talvez pola axilidade que goberna a prosa dunha excelente xornalista e porque a súa non é a ollada dunha viaxeira nin dunha turista, antes ben é a dunha xornalista sempre atenta á relevancia dos detalles.

Aducirase que moitas destas páxinas son un espello dunha época moi remota…, se cadra así é mais por elas tamén circulan, ás veces emocionalmente, as razóns que explican ese paso que dá desde a incredulidade inicial a sentirse unha máis desta fisterra europea. Unha descuberta, casual en primeira instancia, mais que significou para ela e a súa familia un contrato de por vida.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia.

 

Source: Caderno da crítica

2019-08-10T08:02:18+00:00 10 / 08 / 2019|Caderno da crítica|