Vivir a galope, de María Xosé Queizán

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Vivir a galope, de María Xosé Queizán

Vivir a galope, de María Xosé Queizán

María Xosé Queizán

Vivir a galope

Xerais, Vigo, 808 páxinas, 29 €, 2018

Non albergo ningunha dúbida respecto de que este Vivir a galope, de María Xosé Queizán, resultou ser un dos libros máis salientables entre os publicados en lingua galega o ano pasado. E non só porque o noso sistema literario amose lagoas e ausencias evidentes cando falamos deste tipo de ensaios autobiográficos ou memorialísticos, tan infrecuentes, senón porque, e isto é o realmente relevante a meu entender, a voz que fala é a de Queizán: un luxo para unha cultura como a nosa e que non sempre foi xustamente recoñecida como debería. Unha autora que opta agora por deseñar en  primeira persoa un percorrido vital propio, marcado polo seu activismo, o seu compromiso, a súa rebeldía e o labor pioneiro que levou a cabo en tantos campos.

E construír un espello con palabras da propia vida non é cousa doada, aínda máis cando o que se fai é falar daqueles socalcos biográficos experimentados en carne propia. Sei, e recoñécese no propio libro, que o labor asesor da profesora e tradutora Marga R. Marcuño resultou fundamental para que estas memorias teñan a forma que presentan: ordenadas, áxiles, documentadas, completas e intensas e o éxito deste labor transloce, para ben, no resultado final.

Con todo, quixera subliñar que este Vivir a galope confirma, para quen non o soubese, a traxectoria senlleira dunha voz que non ten medo a expresarse libremente sobre calquera extremo da súa vida, pertenza este á esfera máis íntima ou atinxa a outras ocupacións de proxección pública. Encérrase aquí, así pois, a transmisión dun compendio de vivencias de todo tipo que, ao estaren peneiradas polo persoal -e talvez aquí acaería formular a sentenza de que o persoal é político- constrúen un mosaico onde é inevitable que aflore a condición humana: as diversas actitudes diante da vida, as traizóns, o sexo e as letras, sempre as letras, para permitirnos tamén -e sempre nunha prosa engaiolante- percorrer os ecos dos días vividos que van da posguerra á ditadura, da reforma política á actualidade; sen esquecer, por exemplo, o traballo realizado para visibilizar os dereitos do colectivo LGTB ou a participación da autora no devalar do nacionalismo galego ou nos movementos feministas por só citar dous casos. Vivir a galope  abraza todo isto é moito máis. Velaquí unha oportunidade que non se debe desaproveitar para coñecer e aprender: algo que non é, nunca, pouca cousa.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 11 de xaneiro de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-01-13T22:57:21+00:00 13 / 01 / 2019|Caderno da crítica|