Vivaces e vivenciais. Minúsculas alfaias literarias

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Vivaces e vivenciais. Minúsculas alfaias literarias

Vivaces e vivenciais. Minúsculas alfaias literarias

O alfaite portugués

Xavier Senín

Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 200 páxinas

  Xavier Senín, autor de O alfaite portugués, é un escritor cun currículo profesional vencellado ao mundo do ensino e do libro  como editor, tradutor e dinamizador cultural e mesmo institucional en varios gobernos galegos. Neste volume achégalle ao lector noventa relatos curtos que tiveron un nacemento xornalístico: apareceron publicados ao longo dos anos nas páxinas dun xornal galego. Polas esixencias da súa orixe, unha das súas principais características é o formato curto. Prosas moi breves que non chegan ás dúas páxinas impresas, compartindo, xa que logo, varias das peculiaridades do subxénero coñecido como microrrelato. En efecto, son textos con arquitecturas narrativas completas e breves, de grande intensidade expresiva, con argumentos definidos ou implícitos -por veces focalizados a través do título-, estruturas proteicas e marcas de coñecemento, demandadas pola condensación, que o lector debe percibir. Diverxen, porén, das microficcións  nos desenlaces que nas prosas de Xavier Senín non son inesperados con relación ao suceso narrativo; non quebran pois ningunha expectativa lectora ao respecto dos seu desenlace.

Un monllo, mais non pequeno, de narracións concentradas ao máximo, moitas delas fermosas como teoremas e nas que o autor se converte en cronista da realidade, dun tempo vivido, lembrado, escoitado ou soñado. E nas que o lector atopará unha imaxe estritamente narrativa da vida, allea a apólogos, a reflexións didácticas e moralizantes que, de ser o caso, o lector poderá tirar por si mesmo. Pequenos cadros ou estampas poboadas por unha manchea de historias sobre todo dos tempos idos, dos vellos costumes, con temas moi variados, narradas cunha mestura de humor e saudade. E coa presenza dun espazo mítico en moitas delas, Lobeira, onde, como tal, viñan petar na porta os pobres de pedir, e sobre o que o escritor deita unha ollada saudosa, con homes, mulleres e rapaces do común; outros coas súas teimas e peculiaridades ás que o autor eleva, se cadra sen se decatar, á categoría de símbolos.

 

Xavier Senín

Escrita, pois logo, de recuperación para soster coa súa serena densidade lingüística a memoria e a materia dos devanceiros; como se fose unha radiografía branca, pero sensible das querenzas, oficios, festas, usos e tradicións, impenetrables á roda do tempo. Relatos ademais nos que sobrancean pegadas da oralidade, como se estivesen contados e escoitados en noites de taberna ou á calor do lume da lareira. Prosas vivaces e vivenciais nas que X. Senín detalla teimas, experiencias, sabedorías, traballos, enredos, raposadas, trasnadas de cativos ou de xente con anos. Historias de estrutura moi elemental, pero que na súa sinxeleza, e salvando todas as distancias que sexa necesario salvar, se achegan ás fórmulas literarias consagradas en Cousas por Castelao. E aínda que se poida pensar que o libro é unha revoeira  de imaxes, lembranzas e anécdotas, un material posiblemente intranscendente, non deixa de ser menos certo que, no seu conxunto, axudan a coñecer a idiosincrasia  dunha colectividade como a galega, e algúns dos seus trazos máis definidores: o apego ao chan materno, o humor, a agudeza de enxeño, a retranca e a ironía, o avivamento mental. Un subxénero que cadra preto do anecdótico, se así se pode chamar, que foxe do preciosismo lingüístico; escritos con escaso e laxado artificio, non exentos, con todo dunha lingua literaturizada que estala con frescura, limpeza e orixinalidade, e que cumpren  coas esixencias que o mesmo Blanco Amor lle demandaba a esta caste de narrativa; ser anécdotas de primeira man e escintilar nas mesmas a intelixencia e o enxeño. Xa que logo, pequenas pezas narrativas que son asemade minúsculas alfaias literarias.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 9 de marzo de 2017)

Source: NOVENOITES

2017-05-19T09:25:04+00:00 14 / 03 / 2017|Novenoites|