Viralidade

Hoxe, amigas e amigos do Lugar do Sapo, quérovos falar dos perigos da viralidade.

Sufrín en carne propia estes perigos despois da publicación neste blog de dous artigos satíricos, un dedicado ás avantaxes de falar galego na Coruña e outro sobre a despaletización que o fenómeno Inditex produciu na mesma cidade. Ambos artiguiños foron moi partillados en redes. A meirande parte do feedback que acadei foi positivo, mais houbo tamén quen se ofendeu. Iso non debería ser problema. Unha obra satírica faise para meter o dedo nalgúns ollos. O problema é cando os insultos e descualificacións chegan desde “fogo amigo” (houbo quen me acusou de hater da Coruña, cidade na que vivo e á que quero, malia as súas contradicións).

Pois ben! Recentemente volvéronme caer paus por mor dunha publicación que se fixo viral. Póñovos en antecedentes.

O día 11 de setembro, domingo de entroido, lin esta noticia sobre a proposta de Ciudadanos de retirar a obrigatoriedade do coñecemento das linguas oficiais para acceder á Función Pública. Isto posibilitaría darlle corpo legal a algo que, por desgraza, xa acontece: que un poida ser funcionario nun territorio descoñecendo a lingua que falan os seus habitantes.

Inmediatamente, publiquei un chío en Twitter. Escribino en español, entre aspas e referíndome ao País Vasco como “las vascongadas”. Achaba que con isto ficaba suficientemente claro o seu carácter retranqueiro. Craso erro! Lo que sucedió después les sorprenderá.

Despreocupado, esquecín as redes sociais e afaneime durante dous días en gozar do entroido. Para a miña sorpresa, a frase superou os 400 rechíos, e tamén se partillou noutras redes sociais como Facebook.

A meirande parte da xente, como é obvio, captou a intencionalidade desta mensaxe. Así, houbo quen discrepou abertamente e así mo fixo saber. Por exemplo, este adaíl da liberdade que afirma, entre outras sentenzas perfectamente argumentadas, que na Galiza “eso del gallego es de viejos y niñatos galleguistas” ou que “el valenciano no existe (son los padres)”

Por certo, acaba a súa alocución coa frase “Nada más bonito que hablar varios idiomas y nada más asqueroso que no querer hablarlos”. Veredicto impecábel, se non fose por que contradí todo o que afirma anteriormente.

Mais pasamos agora á miña parte favorita, que vou chamar…

TIPOLOXÍA D@S DESPISTAD@S POLA RETRANCA!!!

O EXCURSIONISTA

Mándache ir pasear pois, se che dá o aire, pásache ipso facto todo ese exacerbado fascismo centralista acumulado pola falta de ventilación:

A BAILADORA DE YENKA

Lembrades? Izquierda, izquierda, derecha, derecha, adelante, detrás, 1,2,3!!!

@S DA TOPONIMIA FORENSE

Son como o Olentzero, das vascongadas non saen. Dá igual o contexto ou o ton da mensaxe.

A CRÍPTICA

Para interpretar a súa mensaxe precisas unha pedra de Rosetta.

O DA OBVIEDADE

Con este simpatizo. Está tan afeito o pobre a discutir por Twitter que está disposto até a argumentar sobre a branquitude da neve.

O ERÓTICO

Aproveitando que o Sar pasa por Compostela, vou falar de morreos ou remexer na orela e guindar lixo ao río.

O DEFENSOR DOS DEREITOS CIVÍS

Tamén aproveitando que o Sar pasa por Compostela, voute acusar de racista (mais só no fondo, eh!)

O DA ÁRBORE XENEALÓXICA

Nun alarde de orixinalidade, emparéntame con Fraga. Desculpado fica o meu ímpeto reaccionario. Éche cousa dos xenes…

O MEU FAVORITO

O que directamente te insulta. Este é perfecto para acabar a tipoloxía.

Source: O Lugar do Sapo

2018-02-16T11:51:25+00:00 16 / 02 / 2018|O Lugar do Sapo|