Vindel, non sei cando nos veremos

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Blog de Mercedes Queixas/Vindel, non sei cando nos veremos

Vindel, non sei cando nos veremos

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza en marzo de 2018.

“Caramba, profe, a túa cara de fachenda non engana”.

Así se expresaba unha alumna, a viva voz, ao me encontrar por primeira vez fronte ao Pergamiño Vindel, unha das alfaias fundacionais do patrimonio cultural galego que fai parte principal da exposición “O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” que está a piques de se clausurar no Museo do Mar de Vigo.

E non se enganaba ela, non. E tampouco quería disimular eu, porque non había razón para o engano.

Descubrín o Pergamiño Vindel a comezos da década dos anos 90 como estudante de filoloxía galega na UDC. Fun acrecentando progresivamente, canda el, os coñecementos dun pasado oculto e para min inesperado, mais que por fin daba sentido emocional e alicerce argumental a todo o que era preciso normalizar: a lingua, a literatura e a cultura galegas. Asemade, nos últimos vinte e dous anos non houbo un só curso en que non lle falase ao alumnado da súa existencia, do seu contido e da súa importancia maior. E mesmo desde a publicación da edición facsimilar preparada pola editorial Galaxia, ningunha promoción deixou de ter o Pergamiño Vindel na súa man, descubrir a súa lectura e valorar a importancia dun documento histórico que falaba e sentía coma nós coa única distancia do tempo. Velaí o xeito de aprender coas probas testemuñais presentes para traspasar o veo da desmemoria colectiva.

Comprenderán, pois, a miña teimuda insistencia para combinar unha visita didáctica co Museo do Mar, que acolle esta fe de vida da lingua, literatura e cultura galega desde o pasado mes de novembro e até o tan próximo 4 de marzo en que, novamente, viaxará á Morgan Library & Museum de Nova York, cara a ese exilio en que, co carimbo do desleixo, abandonamos historicamente a representación do noso ser na súa expresión artística e cultural.

Finalmente, a visita produciuse, mais o tempo do acompañamento con guía debía ser cativo, mesmo insuficiente segundo a valoración do alumnado. Apenas media hora para percorrer a exposición de cincuenta pezas de arte, de tipoloxía diferente. Un tempo que nada a ver ten coa medición pausada medieval en que a observación e a reflexión puidesen converterse en interrogantes integrais á procura de respostas inquietas.

Alí mesmo soubemos da imposibilidade de dar atendida a elevada demanda de visitas guiadas, o que provocara a decisión de abrir os luns, día de peche habitual do museo.

Aínda fica en nós a autoestima capaz de rachar cos espellos deformadores da identidade galega, pensei orgullosa! Aínda non está todo perdido! O pobo quere saber da súa propia tradición cultural!

Con todo, unha parte do pobo resístese a aprender e avoga por confundir desde a ignorancia, o ocultamento e a mentira. E cando esa parte combina co poder o resultado multiplica os efectos negativos para a sociedade.

Ante a gran demanda xerada estas últimas semanas para visitar a exposición do PERGAMIÑO VINDEL, temos que comunicar que a partir de hoxe xa non se poderá visitar con guía a exposición a menos que teñan feito xa as súas reservas. Lamentamos as molestias.

Esta nota, publicada o 21 de febreiro na web do Museo do Mar de, dependente da Xunta de Galiza, anunciaba o inexplicábel.

Así pois, ante a gran demanda de visitas guiadas, non ampliamos a oferta nin reprogramamos o horario nin contratamos persoal especializado. Non, pechamos o servizo público e cancelamos o dereito á (in)formación.

De máis a máis, o apoio didáctico que se ofrece desde a web, e que debería ser pauta complementaria da visita, está dirixido ao alumnado de primaria e de 1º e 2º de ESO, mais non ao daqueles cursos en que o currículo escolar obriga a achegarse á historia e literatura galega medieval: 3º ESO e 1º Bacharelato.

Un estrañamento que, infelizmente, se confirma nas unidades didácticas que se ofrecen ao esquecer convidar a reparar o alumnado na importancia de estarmos ante un documento escrito nunha lingua de pobo e de reis, o galego medieval, fillo do prestixio do primeiro reino europeo, o Reino de Galiza, e epicentro cultural nun tempo de esplendor político, social e cultural.

E o peor é que ningún síntoma se percibe dunha outra oportunidade para o reencontro.

Source: Mercedes Queixas

2018-03-28T17:18:28+00:00 28 / 03 / 2018|Blog de Mercedes Queixas|