Vida e obra de Casares

Vida e obra de Casares

Estamos ás portas do Día das Letras Galegas e xa se pode dicir que a colleita de volumes arredor da escrita e a andaina, en moi diversos sentidos, do homenaxeado é máis que satisfactoria. Porén, nesta ocasión boa parte da produción centrouse na análise desta ou aquela faceta da súa obra e ben poucos foron os libros que o abordaron dende a perspectiva do biobibliográfico cunha ollada integral. Apenas se un par de textos trataron esta cuestión de xeito monográfico e nunha delas que agora determe.

Carlos Casares. Un contador de historias é a achega que o profesor Henrique Monteagudo fai ao universo casariano, tracexando un relato documentado e ameno da súa “Vida e obra”, tal como reza o subtítulo deste libro que publica a Editorial Galaxia.

Dividido en catro longos capítulos que se corresponden con outros tantos grandes períodos vitais do autor, o texto que Monteagudo propón ofrece unha completa visión de conxunto, na que incorpora moi diversas informacións, relativas non só á súa escrita, senón tamén ao seu papel como xestor cultural e representante institucional.

En “A ledicia do verán. A infancia e mocidade en Xinzo e Ourense (1941-1962)” Monteagudo fai un repaso da nacenza e crianza casariana tanto na cidade das Burgas coma nas terras limegas, lembra a súa estancia como estudante no seminario ourensán e todo o ambiente familiar e cultural que propiciou o agromar da escrita.

No seguinte capítulo, “Soños prohibidos. Revelación do escritor (1962-1975)” preséntasenos o Casares da primeira hora, a súa chegada a Compostela como estudante, o decisivo encontro con Ramón Piñeiro —que o marcaría de por vida— e mais a súa faceta poética e a moi gabada aparición dos seus textos narrativos iniciais, nomeadamente Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969), tamén A galiña azul (1968) e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973) no ámbito infantoxuvenil ou O Principiño de Saint-Exupéry no terreo da tradución.

“Vento de cambio. Tempos de crecemento (1975-1985)” revisa as vivencias do Casares máis implicado nas cuestións sociopolíticas da Transición e o comezo da nosa Autonomía, amais de dar conta dos comezos das súas responsabilidades en Galaxia e os libros dese tempo, como Xoguetes para un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979) e Ilustrísima (1980) e, xaora, outra escrita como a ensaística sobre figuras centrais da nosa Historia literaria como Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Risco ou Fole.

O cuarto capítulo “O sillón azul. Plenitude (1986-2002)” debuxa un retrato de Casares na cúspide do seu recoñecemento como persoeiro central da cultura galega deses anos: presidente do Consello da Cultura Galega, director de Galaxia e Grial, membro destacado da RAG é este o momento, amais, no que ve luz a súa obra de madurez, caso de Os mortos daquel verán (1987), pero, sobre todo, de Deus sentado nun sillón azul (1996) e do póstumo O sol do verán (2002). Son estas páxinas nas que se salienta a súa centralidade en moi diferentes asuntos da marcha de Galicia, da que foi un auténtico embaixador fóra das súas fronteiras e na que se fixo moi popular mercé ás columnas de prensa diaria ata que, como ben explican estas páxinas, nos deixou inesperadamente.

O volume complétase cuns acaídos apéndices que reproducen opinións do propio Casares verbo da súa literatura, de libros concretos seus ou do seu parecer sobre a lingua. Ao anterior cómpre sumar unha xeitosa bibliografía escolleita tanto de coma sobre Casares e, tamén si, as moi interesantes instantáneas que ilustran todo o libro.

Monografía de valor, este Carlos Casares. Un contador de historias resulta unha agradecida fiestra pola que asomar ao diverso e xenuíno territorio vital e literario do escritor ourensán, do que debuxa un retrato ben amable Henrique Monteagudo, bo coñecedor de quen foi amigo e colega seu durante anos e que homenaxea aquí con xenerosa lembranza.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 7-5-2017]

Source: Criticalia

2017-08-14T10:18:17+00:00 14 / 08 / 2017|Criticalia|