VICENTE ARAGUAS escribe sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro no DIARIO DE FERROL

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/VICENTE ARAGUAS escribe sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro no DIARIO DE FERROL

VICENTE ARAGUAS escribe sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro no DIARIO DE FERROL





A ESCOLMA DE ANTONIO
                                                               
                                                                                                                              Vicente Araguas*

Tan caladamente, coa mesma elegancia coa que vai pola vida, Antonio García Teijeiro exerce “tamén” de poeta para todos os públicos. E digo isto ben axiña pola sinxela razón de que no país onde o  persoal adoita non consentir mais que un par de ideas García Teijeiro corre o risco de ficar encapsulado niso que se chama, tan ambiguamente, literatura infantil/xuvenil (unha das miñas mellores alumnas, chámase Isolina, lía aos catorce anos a Bukowski, eu mesmo, a tal idade, “Crime e castigo”, con proveito) na que acadara todo un Premio Nacional. Isto último polo libro “Poemar o mar”. 

     

Vicente Araguas (FdV)

Sentada esta premisa direi o, se cadra non tan obvio, que Antonio é moito máis. Entre outras cousas un dylanita impecable, sentimento que nos irmana, que o levara escribir un libro de poemas titulado “Petando nas portas de Dylan”. E a maior abondamento, un volume “Arredor do teu corpo” que gañara o I Premio de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Ou sexa que hai moitos Antonio García Teijeiro ainda que estean nun só. E por iso, para que vexamos semellante amplitude vén moi a conto Pasando as follas do tempo(Belagua,Vigo, 2019) subtitulado “Antoloxía poética (1987-2017), prólogo, amigablemente intelixente (neste caso nada de oximoro), de Juan Carlos Martín Ramos e ilustracións de Xulio G. Rivas. ¿El que atopamos neste libro? Unha chea de boas cousas caladas, elegantes, froito dun poeta que fuxe do ruido ambiental e que se procura na poesía, ao tempo que sexamos nós tamén os que nos procuremos neste lar onde o autor goberna os seus poemas a lume manso con lentitude e conciencia de que os pasos ben medidos non teñen que ser moi longos para chegar máis lonxe. 


     E por certo que con música propia ou allea (textos de García Teijeiro teñen sido musicados por Paco Ibáñez, o noso primeiro musicador de poemas, que non exactamente cantautor), citas de Bob Dylan ou Luis Eduardo Aute para abrir o apetito diante de pratos propostos polo autor vigués (de 1952). 

 Dun autor que compre ler de vagar, cun corazón aberto para tanta fondura conceptual servida cunha linguaxe sinxela, con poucas imaxes (as xustas). Porque Antonio García Teijeiro segue aquilo que lle dixera a actriz pucelana Margarita Calahorra a un xeitoso máis desaforado Agustín González “¡La mitad, Agustín, la mitad!” Por iso gusto tanto da poesía de Antonio García Teijeiro, un home que embrida a súa linguaxe para dicirnos moito máis con menos. E -sobre todo- deixemos, de momento, nunha beira do camiño (xa volveremos a ela) o Antonio García Teijeiro da literatura infantil-xuvenil. Sexa isto o que fose, que eu sigo a non o ter moi claro. Si o que me presta que este poeta acadase o Premio Nacional de Literatura por un libro en galego.

     
*Texto publicado no Suplemento Dominical do Diario de Ferrol o 21 de xullo de 2019.



Source: Versos e Aloumiños

2019-08-20T10:31:00+00:00 20 / 08 / 2019|Versos e aloumiños|