Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos

Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos

page_1_thumb_largeAntonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos

Versos e viceversos (ilustracións de Juan Ramón Alonso)

Kalandraka, Pontevedra, 64 páxinas, 14 €, 2019

 

Cadran no tempo, verdadeiras casualidades, varios libros poéticos escritos a catro mans e que, ademais, ocultan á mantenta a autoría de cada unha das composicións. Un deles é Partituras (Ed. Laiovento) de X.C. Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas, outro Minutos para medianoite de Xavier Queipo e Ramón Neto (Ed. Galaxia), e este, o primeiro no tempo dos tres se non me engano e que chega da man Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, sendo o primeiro o responsable da tradución ao galego dos poemas de Martín Ramos, e completado cun valioso limiar de Antonio Rubio.

A proposta de ambos os dous poetas nucléase, ao meu ver, na cultura do diálogo literario; conxúgase cos verbos intercambiar e compartir, culturas e linguas, algo expreso desde os íncipits dos poemas, en galego ou castelán, que logo inspiran os poemas. Velaquí un exercicio modélico que, talvez, agrome desde un motivo que resulta de especial querenza para os autores como é, singularmente, o mar: o mar inserido nesa tradición que bebe de Manuel Antonio eque pasa por Alberti ou Bernardino Graña, por citar algunhas voces que, en inmanencia, están neste libro.

Versos e viceversos é, asemade, unha sorte de caderno de bitácora conxunto que se converte nunha proposta plural e heteroxénea poboada por reflexións que evocan o paso do tempo, que reparan na relevancia da memoria e do pasado para construír a propia identidade, que salientan a  importancia da lectura, que se deteñen nas dimensións reivindicativas e lúdicas que a poesía leva sempre canda si. Versos, e viceversos, que percorren espazos naturais de diferentes ordes e que se harmonizan con obxectos que están cargados de inequívoca carga simbólica como a maleta, cartas, cadernos ou chaves. Poemas pechados nunha antiga e usada maleta, como ben interpreta Juan Ramón Alonso na cuberta, maxicamente suspendida no ceo, para interrogarnos e interpelarnos sempre.

 

Source: Caderno da crítica

2019-07-30T09:02:43+00:00 30 / 07 / 2019|Caderno da crítica|