Verdade e memoria

Verdade e memoria

Perdoar é un acto de xenerosidade. Esquecer a máis aborrecible das indolencias.  A procura da verdade, a restitución da dignidade e o recoñecemento dos erros pasados non poden ser nin obviados nin procrastinados. Neste país noso houbo xeiras luminosas, episodios de gloria que, con razón, deben enchernos de orgullo. Mais tamén existiron episodios escuros, horas lamentables e accións execrables. Porque a materia da que estamos feitos ten parte de ardora e parte de lama e precisamos lembrar, pois é a única maneira de devolverlles a vida aos que a perderon en tempos de desatada vesania.

Non des a esquecemento, o máis recente ensaio de Luís Bará, é un ofertorio á memoria dos represaliados, un urro inzado de “Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade”. Nesta angueira leva tempo comprometido o escritor pontevedrés, tamén el descendente daqueles que padeceron os rigores fascistas, e sobre esta palpitante e dolorosa lembranza ten escrito en diversas ocasións, amais de significarse como un activo promotor de todo tipo de plataformas e actividades a prol da recuperación da chamada ‘memoria histórica’.

Neste sentido, o volume que agora publica baixo o selo do Instituto de Estudos Miñoráns é un clamor pola verdade, que é asemade a ética esixencia da xustiza a través da memoria, a reparación do mal polo (re)coñecemento do ominoso.

O libro divídese en cinco capítulos e un epílogo. No primeiro deles (“Memoria de Vilaboa”) leva a cabo unha rememoración das vítimas que nesta súa localidade natal sufriron as represalias fascistas. Faino —como no resto da obra— non só a través de recursos bibliográficos ou documentos históricos, que tamén, senón, sobre todo, servíndose do testemuño directo das familias destes represaliados, en non poucas ocasións tamén eles mesmos padecedores do ostracismo e a violencia por mor de ser sangue de quen eran.

No segundo dos capítulos (“O ronsel das silenciadas”) Bará recolle un feixe de vidas de mulleres represaliadas, tamén resistentes e sempre solidarias. Mulleres que, como el ben lembra, foron “rebeldes e pioneiras que romperon moldes e combateron por causas xustas (…) Mulleres soterradas no silencio do pasado, desaparecidas na crónica oficial, ninguneadas, invisibilizadas, excluídas”. A elas dá voz para poder dicir, ben alto, que “agora están con nós e con nós fican para sempre”.

A terceira das seccións (“Das casas refuxio”) é unha homenaxe ás familias que acolleron e protexeron os fuxidos, que prestaron as súas casas e moitas veces os seus escasos bens e víveres para que aqueles heroicos resistentes conservasen a vida, tendo moitas veces que ver como iso facía que fosen perseguidas e mesmo encarceradas ou defuntadas.

O cuarto bloque (“Era a historia da noite”) é un conxunto de prosas que relatan diversos episodios de terror derivados da persecución fascista. Unha parte deles céntrase en historias acontecidas en Vigo e o Morrazo e outra amplifica o comentario de fotografías históricas e reflexións sobre temas e símbolos que transversalizan todo o libro, como “as feridas, as hemorraxias internas, as gabias, as flores, o dó, a resistencia, a coraxe, a solidariedade”.

Non des a esquecemento remata cun epílogo (“Memoria e compromiso”) no que Bará dá razón das motivacións que o levaron a escribir este obra—na que levaba tres anos traballando e da que avanzou materiais no seu blog http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/—, revela as fontes das que partiu e os traballos que lle serviron de estímulo e aproveita para inserir unha cauda gratulatoria que é, tamén, unha ben xusta homenaxe a amizades e estudosos que levan un mundo comprometidos coa nobre causa de non esquecer da inxuria o rudo encono.

Merecemos a verdade. Precisamos a memoria. Desexamos a xustiza. Por todo iso e por moitas outras razóns, Non des a esquecemento de Luís Bará é un ensaio de valor, escrito cunha prosa diáfana non exenta de pulo poético, que emocionará a quen se achegue a ela pola paixón e autenticidade que deita en cada páxina. Unha lectura para non perder.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 30-4-2017]

Source: Criticalia

2017-08-15T08:32:14+00:00 15 / 08 / 2017|Criticalia|