Veiga contra Chané

Veiga contra Chané

Aínda que se anunciou que serían tres as corais galegas que acudirían á Exposición Universal de París de 1889, El Eco da Coruña e o Orfeón Gallego de Lugo, só o Orfeón Coruñés nº 4 ofreceu concertos na gran Sala de Concertos do Palacio Trocadero os días 22 e 24 de agosto. Esta agrupación, a cuarta das promovidas por Pascual Veiga na Coruña, composta por 25 persoas, foi creada para acudir á cita de París.

Exposición Universal. París, 1889.

Exposición Universal. París, 1889.

A expedición, baixo a dirección do mestre mindoniense saiu en tren desde A Coruña na tarde do 15 de agosto e chegou a París o día 18. Non contaba con axuda oficial; a solicitada fóralle denegada pola Deputación da Coruña.

O éxito da audición do día 22 foi inmenso coa sala chea e aplausos entusiastas. O programa constou de dúas partes e seis números, sendo especialmente aplaudidos “A Escala”, unha muiñeira, e “A Alborada”, ambos da autoría de Veiga. O xurado da Comisión de Audiencias Musicais da Exposición Universal presidido por Laurent de Rillé acordou conceder ao Orfeón Coruñés nº 4 un diploma e a Gran Medalla de Ouro do concurso de corais. Ao primeiro concerto asistiron 1.400 persoas e ao segundo, verificado o día 24, 1.600, unha oportunidade ben aproveitada polo Orféon Coruñés nº 4, polo que recibiu moitas felicitacións.

Xa de volta, o recibimento ao Orfeón e ao seu director foi entusiasta nas principais estacións de tren e cidades. En Venta de Baños e en Lugo especialmente, cos andéns a reverquer e disparo de foguetes. Chegaron á Coruña o día 29 de agosto.

Máis non todo o mundo estaba plenamente satisfeito. Xa sucedera antes da partida e volvía a acontecer ao regreso. Determinada prensa publicaba comentarios nos que se destilaba certa envexa e desconfianza sobre a veracidade ou non do éxito conseguido. Incluso se preguntaban, con insana curiosidade, cando recibirían a medalla.

Tras aquela campaña estúpida estaba un enfrontamento entre as agrupacións El Eco e o Orfeón Coruñés, nº 4; ou sexa, entre os partidarios de Chané e os de Veiga. Un xornal coruñés, El Danzante, escribe: “Los premios -doquier se ve- / llévanlos de esta manera: / cuando el no asiste… cualquiera / cuando el concurre, ¡Chané!, ao que responde El Lucense “Los premios -créalo usté- / gánanlos de esta manera: / cuando hay justicia, cualquiera / menos el señor Chané”.

A medalla chegou na primeira quincena de novembro ao porto da Coruña no vapor Chateau Iquen. Viña nun estuche e foille entregada co protocolo acostumado ao presidente do Orfeón. El Lucense descríbea dicindo que é de ouro mate, de 6 cm de diámetro e tres onzas e medio de peso. Contiña as sinaturas do debuxante, A Desaide Edit, e o gravador, O Roly. No anverso a figura dunha matrona coroada de loureiro con gorro frixio, símbolo da república francesa. Coa medalla viña unha carta autógrafa, asinada polo presidente do xurado, cos parabéns e eloxios correspondentes.

Ai! Quen non tivo que loitar contra miserias e mesquindades en calquera tempo e lugar. Pascual Veiga soubo sobrepoñerse e pronto se afastería da Coruña ao ser nomeado profesor de canto e declamación lírica da Escuela Nacional de Música y Declamación de Madrid en 1892.

© Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2020-03-18T15:58:03+00:00 18 / 03 / 2020|Caderno de campo|