Valente infinito, de Claudio Rodríguez Fer

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Valente infinito, de Claudio Rodríguez Fer

Valente infinito, de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer

Valente infinito

Universidade de Santiago de Compostela, 347 páxinas, 22 €, 2018.

 

Resulta apreciable e significativa a bibliografía xerada a partir da figura e da obra do poeta ourensán Valente que acolle, por fortuna, a cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente e que publica a propia Universidade de Santiago de Compostela. Hai poucas datas acrecentouse un novo volume a este serie, da man de Claudio Rodríguez Fer, director da devandita cátedra, baixo o título de Valente infinito e que aborda, como consta no seu subtítulo, cuestións vinculadas coa liberdade creativa e as conexións interculturais en Valente.

Entendo esta achega como fundamental para todas as persoas que gustamos e admiramos a obra de Valente e tamén para aqueloutras que queiran debruzarse na interpretación do seu universo creativo e literario. Nunha primeira parte, este volume desvela as claves do que Rodríguez Fer denomina como “o creador total”, isto é, aquela voz que se achegou a todos os xéneros literarios, a voz que estaba tras o perfil de tradutor e o diversos aspectos que se corresponden ao papel que desenvolveu o escritor bilingüe (de especial interese, para min, foron as páxinas que falan da súa relación coa lingua galega). No libro ofrécense, ademais, algunhas mostras das conexións culturais e interculturais de Valente, xunto con outras incursións de carácter interdisciplinar, nucleadas arredor da música e das artes plásticas, alén de incluír unha vizosa documentación en forma da relación epistolar que mantivo Valente co grupo poético do 27 e con escritores latinoamericanos como Julio Cortázar, Octavio Paz ou Mario Vargas Llosa.

A achega do profesor e investigador lucense,  alicerzada en traballos heteroxéneos en canto ao xénero, extensión e procedencia xeográfica, figúraseme como un marabilloso percorrido, sólido e documentado, arredor de diversas facetas creadoras de Valente, enriquecido ademais por un apéndice epistolar con cartas recibidas e comentadas do autor de Cántigas do alén, ademais de incorporar un poema que Rodríguez Fer lle dedicou baixo o título de  “Nostalxia de nós”. Convido a coñecer e ler este libro para mellor coñecer a Valente, sen dúbida un autor que non coñeceu a finitude.

 

Source: Caderno da crítica

2019-02-13T22:13:34+00:00 13 / 02 / 2019|Caderno da crítica|