Ut pictura poiesis

Ut pictura poiesis

Vella coma o mundo é a íntima relación que vencella Poesía e Pintura. Saben disto, e con fondura, o escritor Antonio García Teijeiro e mais o artista Xulio García Rivas, autores de Poesía cromática, a beleza feita edición que tira do prelo Belagua, un selo que conta por tesouros os libros que publica.

Poesía cromática ten na súa singular nacenza a razón da poderosa maxia que desprega: en catro tardes entre o verán do 2014 e a primavera do 2015 ambos os dous creadores encerráronse en andares contiguos dun mesmo edificio para pintar e escribir, inicialmente sen saber un o que o outro facía, logo creando o poema ou trazando imaxes no papel a partir do que o compañeiro suxería na súa pintura, no seu verso.

O resultado foi este libro que reúne unha corentena de poemas e outras tantas ilustracións nunha fantástica edición da que se tiraron apenas dous centos de exemplares numerados e asinados polos autores e que constitúe, a non dubidalo, unha peza de coleccionista.

Para aquel lector máis posuído polo espírito sommelier engadirei que o volume foi deseñado por Iolanda Cox, que os interiores contan con papel de alta gramaxe en cor óso e que o exterior ofrece un cartoné azulado de finísimo remate, pois foron coidados con moito meco tipografías e disposicións gráficas.

Alén do xa apuntado, o volume, suma reproducións a toda cor das ilustracións e os poemas manuscritos e conta cun excepcional prólogo da poeta Eva Veiga, unha marabilla de lucidez que ilumina as trabes mestras que sosteñen a arquitectura creativa de García Teijeiro e García Rivas.

Versos inzados de referencias musicais, imaxes que estouran en cores, poemas de lirismo esencializado, pinturas nas que a acuarela debuxa os soños, palabras para nomear o sentir, debuxos que esvaecen e proxectan os contornos, letras que son a crónica sinestésica da luz e a sombra. Todo amalgama neste libro que confirma os sinais de identidade das poéticas dos dous creadores, parella artística que ten colaborado xa en obras anteriores e que conxuga no diálogo e na implementación cruzada das súas creaturas o natural do seu espazo significante, que asenta na tradición horaciana do ut pictura poiesis.

Navegar por estas páxinas trae o recendo dos “remoles acendidos”, dos bancos interminables dun imaxinario “océano de bolboretas” e todas as “palabras que nacen/ e dormen nos muros”. Por descontado, tamén as “fendas de luz”, os puntos cegos e os abeiros esquivos, porque no mergullar do eu un procura os “lindeiros da memoria”, as “esencias do pasado” coas que establecer a “conta atrás/ do futuro”.

Presenzas, orfandades e devezos. Oráculo co que se guiar nos profundos. Híbrido plástico-lírico dos dous García que para contento dos ollos e das mentes se dá nesta Poesía cromática, arca das belezas coas que ver lendo e ler contemplando, unha alfaia coa que moito paga a pena facerse.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 17-9-2017]

Source: Criticalia

2018-02-20T07:16:34+00:00 20 / 02 / 2018|Criticalia|