Unha referencia imprescindible

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Criticalia/Unha referencia imprescindible

Unha referencia imprescindible

Hai libros que se converten nunha sorte de devocionario laico, obras ás que un volve unha e outra vez, recuncando nas súas páxinas aquí e acolá, na procura de respostas, de explicacións ou, polo menos, de pistas certeiras. Non son simples libros, son doelas centrais, claves do arco do pensamento, arquitectura do ser e estar dun país, dunha cultura, da historia dun pobo.

Un deses títulos de querenza identitaria é Unha ducia de galegos, de Víctor F. Freixanes. Publicado por vez primeira na primavera de 1976 ―aos poucos meses do pasamento de Franco― a Editorial Galaxia volve reeditar agora este feixe de entrevistas que o autor realizou a doce persoeiros decisivos do galeguismo do pasado século, unha nómina de voces que dá o calibre da transcendencia do volume: Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares.

Visto coa distancia que proporcionan os anos, o libro é a radiografía dunha época, a visión coral dun estado de cousas, mais tamén —e aquí coido eu que reside o segredo da súa vixencia— a crónica do camiño andado polos que entón representaban a plana maior do galeguismo histórico. E aínda que cos ollos de hoxe estrañen certas ausencias, non hai que perder de vista que a consideración actual do relevo dalgunhas figuras non é a mesma no presente que hai corenta anos e tamén debe respectarse como soberana a aposta persoal do entrevistador.

Canto aos asuntos tratados nestas longas entrevistas, o propio Freixanes deu conta deles perfectamente no limiar que dispuxo á primeira edición: “Todo vén ensarillado no mesmo fío: a personalidade dun país, o dereito á súa expresión, a literatura, a historia, as cuestións económicas, a arte, a lingua, a relixión, os feitos sociais, as motivacións psicolóxicas e as solucións, frustracións ou esperanzas políticas. Todo vén no mesmo fío”. Sobre esta mesma idea volveu seis anos máis tarde no prólogo á terza edición: “Aquí van, pois, doce entrevistas con doce personalidades das letras, as artes, a economía, a Igrexa, o capital (certo capital), a dereita (certa dereita), a esquerda, a emigración e mesmo a política”.

Mais o que fai deste libro un documento histórico é a súa oportunidade, o ter sido un sismógrafo da Galicia daquela altura, un inquirir ás grandes voces vedraias para axudasen a identificar as raiceiras das que se viña e fundar, así, un futuro posible. Doutra banda, moitas cuestións que os entrevistados responderon a pedimento do entrevistador resultaron ser verdadeiramente axiais, ata o punto de que non hai estudo fondo ou monografía de peso sobre a biobibliografía destes autores que non cite, e por veces moi abondosamente, esta obra.

Cómpre felicitar a Editorial Galaxia pola acaída reedición deste clásico, un libro singular no que aparecen retratados os mestres da nosa cultura nun momento crucial, os inicios da Transición que nos trouxo ata aquí. O herdo impagable que supón Unha ducia de galegos foi posible mercé ao bo facer e ao tesón de Víctor F. Freixanes, quen rescatou a foto fixa da palabra viva destes autores para legala ás xeracións posteriores. Que agora poidamos acceder a esta obra capital e aos distintos textos preliminares cos que foi publicándose nas sucesivas edicións é unha regalía que moito hai que agradecer. Porque a memoria destes doce mais un segue a ser, tantos anos despois, unha referencia imprescindible.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-9-2017]

Source: Criticalia

2018-03-13T10:42:09+00:00 13 / 03 / 2018|Criticalia|