Unha historia de amor arredor do Himno Galego*

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Unha historia de amor arredor do Himno Galego*

Unha historia de amor arredor do Himno Galego*

Pascual Veiga naceu en 1842 e Eustorgia Acebo en 1848, ambos en Mondoñedo; el no seo da pobreza, ela no da abundancia con varios membros da familia con cargos de certa importancia na igrexa e na administración.

A nai de Eustorgia faleceu en 1854 e o pai ao ano seguinte, ambos a causa de enfermidades infecciosas. Estorgia, que tiña 7 anos, e os seus irmáns quedaron ao coidado dun tío cura chamado José Alejo Acebo Rivas. O testamento dos proxenitores especificaba que os varóns recibisen educación para acceder a algún oficio honroso ou carreira, preferentemente a de armas, para que fosen “libres y felices”. Para Estorgia dispoñíase que se lle mercase unha cadea de ouro, uns pendentes e un anel.

A adolescente Eustorgia, que seica era de porte esvelto e ollos azuis, parece que exteriorizaba a súa rebeldía vestindo “a la francesa” polo que os mindonienses da época deron en chamarlle “A Francesiña”.

Imaxinamos as dores de cabeza que lle puido causar ao seu tío crego, conservador e tradicionalista, aquela forma de ser e actuar da sobriña, e como se puido aborrecer cando descubre que Pascual e Eustorgia andaban namorados.

Pascual Veiga progresaba meteoricamente como músico pois en 1862, con tan só 20 anos, xa superou probas para organista da catedral pero o seu prestixio como prometedor músico non abondaba para consideralo partido de proveito para unha moza da familia Acebo.

O tío procuraba por todos os medios impedir a relación, atrancos que eles superaban con estratexias tan curiosas como enviárense misivas de amor agochadas no forro do chapeu do crego. Este, que ía todos os días ao Casino, carretaba “na cabeza” sen sabelo unha carta de Eustorgia que Veiga recollía ao descoido cando o crego colgaba o sombreiro no vestíbulo do Casino, e cando regresaba á casa xa levaba a resposta de Pascual para a súa amada polo mesmo medio.

Aquela situación durou ata que o crego descubriu unha das cartas de Veiga. Os castigos do tío a Estorgia, mesmo físicos, foron  a máis e contra Veiga promoveu unha campaña de descrédito, acusándoo incluso de ser contrafeito.

Pero como nin así conseguiu apagar aquel lume puxo terra e rexas de por medio; internou a Estorgia no convento de monxas de clausura de Valdeflores de Viveiro, e Veiga, abatido, tomou a decisión de marchar de Mondoñedo para non volver en vida nunca máis. Tivo que ser un amor ardente, sen medida.

Era febreiro de 1864. O músico trasladouse á Coruña, cidade onde casou con Juana Valenzano e onde se xestou o futuro Himno Galego.

Foi en 1890. Veiga presidía un certame musical convocado polo Recreo de Artesáns da Coruña e pediulle a Pondal un texto poético para o que el chama entón Marcha Regional Gallega; o poeta envíalle un poema titulado “Breogán” con moi parecido texto ao do Himno actual. A música que gañou o certame, da autoría do catalán Ivo Gotós, nunca se interpretou e esqueceuse. Veiga, que musicara aquel poema de Pondal por se non houbese concursantes, asinou a partitura o 13 de xullo dese ano 1890 e fixo que algúns dos moitos coros que el dirixiu a interpretasen tanto na Coruña como en Madrid.

Pascual Veiga morreu en Madrid en 1906, poucos días despois de remitirlle a Xosé Fontela Leal a partitura definitiva do Himno Galego. Morreu como naceu, na pobreza, co salario embargado, 8 fillos e numerosas débedas.

O magno acto que se celebrou na Habana o 20 de decembro de 1907, data considerada de estrea ou oficialización do Himno, organizouse para recadar fondos para custear o traslado dos restos de Veiga desde o cemiterio da Almudena de Madrid ao de Mondoñedo.

O traslado e recepción dos restos de Veiga en Mondoñedo en setembro de 1912 gozaron  da pompa que merecía o personaxe (incluída a interpretación solemne do Himno) e foron depositados nun artístico mausoleo na parte reservada á burguesía mindoniense.

Eustogia Acebo, pola súa parte, casou co médico Víctor Salvatierra, tamén de familia de posibles, mais ao matrimonio non lle foi ben e acabaron vivindo separados. Eustorgia morreu en 1927 e os seus restos foron depositados no panteón familiar, situado na zona nobre do Cemiterio Vello de Mondoñedo, a apenas cinco metros de onde se atopaban xa os restos de Veiga.

E alí están, a cinco metros un do outro.

Xustiza poética! Probablemente.

Un Himno tamén é un acto de amor, oxalá nunca truncado nin prohibido como o foron os amores de Eustorgia e Veiga. Aínda que nunca saberemos se aquel amor prohibido tivo algunha consecuencia na xestación do Himno, penso que ese episodio non deixa de ter certo significado simbólico.

O Himno tamén estivo prohibido pero o amor dos galegos e galegas (que o cantaron e reivindicaron como o símbolo da nosa identidade ao longo do tempo tanto as colectividades galegas de fóra como as de dentro do país) fixeron posible que hoxe sexa o noso Himno Oficial desde 1984..

Moitas grazas a “Queimán e Pousa” por convidarme a participar no voso marabilloso proxecto. Parabéns, ademais, a Andrea Pousa pola fantástica interpretación e a Nani García polos arranxos. Parabéns, en xeral, ao equipo artífice do proxecto.

Poucas veces, se cadra nunca antes, se fixo un esforzo tan grande para anovar e divulgar o noso Himno.

O meu desexo é que ó voso proxecto, co documental e as demais propostas anexas, chegue a cada recuncho do mundo onde haxa un galego ou unha galega namorados apaixonadamente da súa terra. Parabéns e moitas grazas.

©Antonio Reigosa

*Texto lido no acto de presentación de “O Himno por Andrea Pousa”, que tivo lugar no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago de Compostela o 31 de maio de 2017. O estoxo posto á venda componse dun CD, un DVD e un libro con colaboracións de diversas personalidades da cultura galega arredor do Himno e dos autores da letra, Eduardo Pondal, e da música, o mindoniense Pascual Veiga.

Os datos sobre o romance de Eustorgia Acebo e Pascual Veiga foron tirados de publicacións de Eduardo Lence Santar, Andrés García Doural, Xe Freyre e Martín Fernández Vizoso. O crego Manuel Rico Prieto escribiu cen anos despois un relato titulado “La Francesita” que, sen citar nomes, alude a este asunto, poñendo o acento crítico na vida supostamente disoluta de Eustorgia.

Se desexa coñecer as orixes do Himno, consulte: Manuel Ferreiro “O Himno Galego. Documentos Históricos (1890-1907), Universidade da Coruña / Universidade de Santiago de Compostela / Universidade de Vigo, 2007, (108 pp.)

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2017-05-31T15:55:54+00:00 31 / 05 / 2017|Caderno de campo|