Un máis, de Olalla González e Marc Taeger

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Un máis, de Olalla González e Marc Taeger

Un máis, de Olalla González e Marc Taeger

Un máis

Olalla González e Marc Taeger

Kalandraka, Pontevedra, 40 páxinas, 15 €, 2017.

 

Logo do éxito acadado polo título Garavanciño, adaptación do coñecido conto popular que se converteu por méritos propios nunha lectura incluída no Plan Nacional de Lectura de Portugal, chega agora, da man de Olalla González e Marc Taeger, unha nova proposta baixo o título de Un máis.

Teño para min que non é difícil conxecturar que este volume está destinado a converterse nun libro de referencia no seu campo. Alén da coidada e acaída proposta estética de Taeger, que abraza con enxeño ilustracións a toda cor para acompañar o discurso narrativo central e en branco e negro para plasmar a dimensión dos desexos dun futuro próximo, a historia que subscribe Olalla González aborda con sensibilidade e sinxeleza o proceso da maternidade axudándose dun esquema iterativo e recorrente a través das preguntas que o protagonista formula tanto á súa nai como a outros animais do bosque cos que comparte a incerteza do descoñecido, a carón desa apelación imaxinativa ao futuro que resulta operativa para albiscar como será o seu futuro cando o foco de atención non recaia tan só nel.

Un máis atesoura trazos como a tenrura e a emoción a través dunha tonalidade expositiva e visual esperanzada e ilusionante. Non dubido que constitúe un verdadeiro acerto.

 

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Literatura infantil Tagged: Kalandraka, Marc Taeger, Olalla González, Un máis
Source: Caderno da crítica

2017-08-30T09:01:43+00:00 30 / 08 / 2017|Caderno da crítica|