Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña

Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña

Estro Montaña

Un conto siciliano e outras historias

Xerais, Vigo, 160 páxinas, 17 €, 2019

 

O último que leramos de Estro Montaña (Betanzos, 1956), profesor, narrador e crítico literario, fora un conxunto de relatos publicado en 1997 baixo o título de As armas delicadas: unha apreciable proposta co pano de fondo dos maquis e fuxidos para afondar nos límites da condición humana. Dende aquela ata hoxe o autor deu a coñecer crónicas noveladas, biografías, libros de viaxes e diversos ensaios para volver transitar agora polo xénero da narrativa curta e ofrecer un mangado de catorce relatos que, se algunha característica os unifica, sería talvez o de formularen uns finais abertos á interpretación persoal onde non falta o espazo concedido ao elemento sorprendente e, ao tempo, estaren protagonizados por personaxes que ben usan o poder de maneira arbitraria, en moitas ocasións con intención coactiva, ben o sofren desapiadadamente; un ton quebrado ás veces, con outras temáticas que visibilizan outras realidades asediadas desde unha ficción, paréceme, de xinea memorialística.

Ao meu ver, resultan especialmente singulares os cinco  primeiros relatos, xunto co titulado “Fragmento das memorias de Paolo Marini, que entendo como unha posible novela en gromo, onde nos sitúa con habelencia e desacougo en diversas situacións onde o poder se exerce de maneira implacable desde as cúpulas de organizacións criminais vinculadas co narcotráfico ou con negocios de dubidosa limpeza, desde Sicilia a Galicia: historias ateigadas de tensión narrativa onde non faltan sospeitas, persecucións, testemuñas protexidas, traizóns, asasinatos e situacións límite das que, en tantas ocasións, é difícil dar cunha saída ética ou digna.

Ao tempo, por outros relatos circulan historias de carácter parcialmente abeiradas aos espazos máis escuros da sociedade nas que salienta a presenza do engano, a inmoralidade ou a violencia encarnada en personaxes marcados ás veces pola inocencia e noutras pola incoherencia, para concluír con dous relatos nucleados no universo particular do ensino que completan unha entrega narrativa máis que estimable.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de marzo de 2019.

 

 

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-03-18T07:29:35+00:00 18 / 03 / 2019|Caderno da crítica|