Tu contas e eu conto, de Susana S. Arins

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Tu contas e eu conto, de Susana S. Arins

Tu contas e eu conto, de Susana S. Arins

tu-contas_capa-488x710Susana S. Arins

Tu contas e eu conto

Através, Santiago, 179 páxinas, 13 €

 

Talvez non sexa xusto esquecer nesta sección un título que, a pesar de que aparecese no mercado hai xa algúns meses, non por iso mingüou o seu  interese. Trátase de Tu contas e eu conto, de Susana S. Arins, autora que tras un libro con maiúsculas titulado Seique -traducido hai pouco ao castelán- tiña difícil igualar os méritos do anterior. E penso que neste libro de relatos, e poemas, a autora establece un fértil diálogo co noso tempo, recorrendo ao recurso da auto-ficción para salientar, sempre, a reivindicación permanente da muller, sempre esquecida na historia, tantas veces habitando nas marxes.

Circulan neste libro moitas voces que interpelan á conciencia sobre o desatinado e, por veces, absurdo que encerran situacións reais e tanxibles, moitas delas ao abeiro das esferas íntimas e cotiás. Noutras ocasións, estas serven para inquirir sobre as identidades e sondar os prexuízos pero, sobre todo, son aqueles relatos en que a autora se mergulla na memoria colectiva e persoal os que, se cadra, arraigan con máis forza na memoria de quen os le.

É esta unha proposta, así pois, que abraza o que se percibe, o imaxinado ou experimentado para configuralo literariamente como un relato desde o que renacen ás veces sucedidos do Foxo estradense da autora, recupéranse voces que apareceran en Seique, exhíbense historias descarnadas de abusos, evócanse viaxes desas que nunca volven porque o tempo as reviste de melancolía, revívense os ecos que suxire a presenza da voz narrativa nunha manifestación ou as consecuencias dunhas palabras ditadas nun acto cultural. Hai tamén oportunidade para  lembrarnos eses momentos en que o ensino fai que aprendamos moitas cousas inesperadas ou permite que nos adentremos nos océanos do simbólico no medio dun relato épico. Diversidade e heteroxeneidade para elaborar, coa potencia dunha excelente contadora, unha verdadeira cartografía do presente.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 6 de setembro de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-09-09T16:31:25+00:00 09 / 09 / 2019|Caderno da crítica|