Transmatria, de Daniel Asorey

Transmatria, de Daniel Asorey

Daniel Asorey

Transmatria

Xerais, Vigo, 69 páxinas, 12,50 €, 2019

 

Intérnase Daniel Asorey no xénero poético con Transmatria, volume que acadou o premio Johán Carballeira en 2018. E faino cunha evidente vontade de transgresión, de renovación temática e mesmo lingüística.

Se algún libro acredita no corpo e no proceso de mudanza que este pode carrexar este é un deles. Velaquí un corpo ollado oblicuamente, en ocasións a través del mesmo, para expresar unha disconformidade entre o sexo e o corpo biolóxico e o sexo e o corpo psicolóxico dunha persoa.

Segmentado en tres partes, este libro converte o periférico e marxinal, ou o así considerado patriarcalmente,  en nuclear e substantivo. Pairan nesta páxinas moitas memorias: as do amor e a liberdade que, no fondo, son unha; tamén as memorias da violencia, da institucional e da cotiá…, todas expresadas con trazo limpo, rápido, contundente.

O ton reivindicativo que envolve o libro erixe naturalmente un canto esgazador que defende o dereito a vivir, a sentir e a termar do propio futuro. A transmatria son territorios, son corpos “eivados, / mutilados, / sinalados, / odiados”, mais tamén a transmatria é anti-capitalismo, insubmisión, ecoloxismo e feminismo… É unha defensa das propias conviccións contra a uniformización e o exterminio de todo canto se amosa como distinto. É un canto a prol da resistencia, vizoso e plural, poderoso e vibrante.

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-04-16T08:36:13+00:00 16 / 04 / 2019|Caderno da crítica|