Tiempos oscuros

Tiempos oscuros

Aínda non hai moito lin o penúltimo libro de John Connolly, e quedei con ganas de máis. Supoño, xa que vén de se publicar este Tiempos oscuros en Tusquets, e por suposto funo devorar. Connolly é capaz de combinar o xénero negro co terrorífico coma ninguén (o curioso é que a min este tipo de novelas non me deberían gustar: isto de enfrontarse ao Mal!!!), e sempre consegue sorprender o lectorado. Cada nova novela afástase da anterior a pesar de manter os personaxes principais, eses que acabas querendo malia eles. E deixa a boca preparada para seguir comendo!
En Tiempos oscuros o autor lévanos canda Charlie Parker e os seus inseparables Ángel e Luís a unha comunidade que vén a ser unha secta, que existe fóra do tempo e de toda lei exterior, que adora ao Rei Morto. Aí estaremos atrapados entre as súas páxinas. Podemos comparar con novas reais que nos teñen chegados de matanzas nalgunhas sectas: aí está a inspiración do autor. Sectas endogámicas e escuras separadas do resto da civilización como a que temos no libro. Aquí, separadas por un espeso bosque, importante na trama. Esta secta é o Mal. O Mal é o que interesa ao autor, está claro. Cando menos nos seus libros. E é que o Mal existe. Canda el, a Covardía é outro protagonista da novela, esa covardía que exercen moitas persoas que viven preto da secta e que prefiren mirar cara a outro lado.
Por estas augas escuras moverase Charlie Parker, procurando facer o Ben. El é a antítese. Estivo no outro lado, ou case. E é leal e xusto. A pesar da súa violencia, querémolo.
Agora, esperamos a ver que pasa con esa filla extraordinaria que ten.


—Hay un tipo de maldad que ni siquiera se opone al bien, porque el bien es irrelevante para ella. Es una abyección que radica en el corazón de la existencia, que nació con la materia misma del universo. Está en la descomposición hacia la que tienden todas las cosas. Existe, y siempre existirá, pero al morir la dejamos atrás

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2018-03-28T20:53:00+00:00 28 / 03 / 2018|Trafegando ronseis|