Taxi

En certo sentido, podemos ver a traxectoria de Alfonso Font como un paradigma da doutros moitos autores que participaron na explosión da historieta adulta en España dende o final do franquismo ata a finais dos 80. Natural de Barcelona, cidade clave na orixe do movemento, os seus primeiros traballos datan dos anos 60, así que cando o boom chegou, el xa estaba alí. Coma moitos dos seus compañeiros de xeración, traballou para o estranxeiro na década dos 70, primeiro para o mercado anglosaxón mediante axencias coma Selecciones Ilustradas ou Bardon Art, despois facéndose un nome coma debuxante no mercado francófono. Nos 80 chegaron os seus primeiros cómics como autor completo, títulos como Historias negras, Cuentos de un futuro imperfecto ou El prisionero de las estrellas que exemplifican unha certa maneira de concibir o cómic adulto propia daquel tempo: historias que optan declaradamente polas estruturas de xénero pero que aspiran a unha certa transcendencia polos temas tratados e engaden habitualmente unhas pingas de sexo e violencia que certifican a súa inadecuación para o público infantil. Malia as peculiaridades que poida reunir o seu caso, é probable que esta etapa da súa carreira creativa sexa a máis fácil de interpretar, xa que moitos coetáneos seus seguiron traxectorias semellantes cando non colaboraron directamente con el (foi o caso de Carlos Giménez ou Adolfo Usero entre outros), e existe un marco xeracional, o mencionado boom do cómic adulto en España, que permite contextualizar correctamente a súa produción naqueles anos. É a medida que avanzamos no tempo e nos afastamos dese marco teórico cando as singularidades abrollan.
Malia que un estudio tan solvente coma Del boom al crack. La explosión del cómic adulto en España (1977-1995) considera que os efectos da deflagración do cómic adulto chegan ata o ano 1995, podemos dicir que a partir da segunda metade dos 80 os signos de crise son máis que evidentes. O desengano de determinados autores pola falta de apoio do público e a escasa repercusión social dos seus traballos lévaos a abandonar a banda deseñada, mentres outros non ven outra saída que a de procurar fórmulas que lles permitan crear cómics economicamente viables. O desexo de afirmación autorial deixa paso a un certo sálvese quen poida: a supervivencia pasa a ser o prioritario. As revistas de cómic que quedaran a flote despois da proliferación de cabeceiras a principios dos 80 reflicten esta mudanza, procurando o favor do público mediante contidos máis lixeiros, cando non recorrendo a vellos engados coma o erotismo. Font nunca estivera entre os autores de maiores veleidades intelectuais da súa xeración. Pola contra, os seus cómics partiran sempre de xéneros populares como a aventura e a ciencia ficción, polo que no seu caso máis que unha viraxe creativa haberá unha suave adaptación ao medio. E así, abrirá a segunda metade dos 80 con Jann Polynesia (posteriormente Rohner), serie de pulso aventureiro que aparecerá en Cimoc a partir de 1986, e apenas un ano máis tarde verá a luz na mesma revista un novo serial: Taxi
Intrépidos reporteiros.
Font comeza a publicar en Cimoc El laberinto del dragón, a primeira aventura de Taxi, en agosto de 1987 a razón dun capítulo de 12 páxinas por revista. Apenas uns meses despois da súa conclusión aparecerá recompilada nun volume unitario na colección Cimoc Extra Color da editorial Norma, unha política de edición típica da época na que recuncaría nas dúas aventuras posteriores do personaxe (Un crucero al infierno e La fosa del diablo), e mediante a cal autor e editor rendibilizaban un mesmo produto en dúas quendas. Coma noutros moitos traballos previos, Font opta en Taxi polo relato de xénero, ofrecendo varios relatos de suspense e acción protagonizados por unha rapaza nova, a Taxi á que alude o título, e un xornalista algo máis maduro de nome Nelson. Hai neles certas implicacións políticas e algúns contidos de índole social, mais son apenas pretextos para desencadear a narración, o seu peso na trama é escaso. El laberinto del dragón, a aventura inaugural da serie, resulta ben significativa a este respecto: malia xirar o argumento arredor dunha serie de crimes racistas, estes apenas se nos mostran e nin sequera hai personaxes pretos. As implicacións políticas e sociais que poderían derivar dunha trama desta caste fican inexploradas. Resolto o misterio o problema queda solucionado. O seu tratamento da intriga criminal céntrase nos elementos máis lúdicos (a investigación, a peripecia) e deixa o subtexto ideolóxico nun segundo plano. A serie carece de pretensións, é vocacionalmente lixeira.
Agora que se fala tanto do protagonismo feminino e de strong female characters, cabe preguntarse se o personaxe de Taxi responde a unha intención progresista ou se é pura male fantasy. Por unha banda, Font sitúaa na cerna do relato, na posición inequívoca de protagonista (Nelson está claramente subordinado a ela) ata o punto de darlle nome á cabeceira, e faino nun momento histórico no que construír unha serie arredor dun personaxe feminino era calquera cousa menos unha garantía de éxito, non sendo as de carácter erótico. E non só iso, os atributos persoais do personaxe son notables: ten carácter e iniciativa, é espelida, valente, intelixente e resolutiva, sabe valerse por si soa. A cuberta do primeiro álbum da serie, que é tamén a cuberta da edición integral de Planeta, semella responder á intención de destacar o carácter do personaxe por riba do seu aspecto. Coa cidade de Barcelona de fondo, Taxi aparece con expresión seria, case de enfado, a carón dunha mesa de traballo, cunha cámara pendurada do ombreiro, un bolso para o equipo fotográfico e unha cazadora de pel de año, signos externos que a identifican coma a intrépida reporteira que é. 
Taxi e Nelson, tensión sexual non resolta.
Quere iso dicir que o personaxe se afasta dos estereotipos femininos máis rancios e misóxinos? Tampouco é tan doado. Non son poucas as ocasións nas que o protagonismo feminino se xustifica no desexo de satisfacer a ollada masculina. É ese o caso? Pois si e non. Para empezar, Font non foi quen de resistirse a facer de Taxi unha muller fisicamente atractiva, por máis que tampouco responda a un estereotipo excesivamente sexualizado. Por outra, aínda que poucas e bastante inocentes, non poden obviarse as pasaxes de exhibición gratuíta do seu corpo. Se antes falabamos da cuberta do primeiro álbum, as do segundo e terceiro ofrecen unha imaxe máis sexualizada do personaxe. Dito iso, interpretar o conxunto da cabeceira como un pretexto para a explotación lúbrica da figura feminina resulta evidentemente errado.
Tamén a súa relación co seu compañeiro Nelson merece un comentario. Cando Font decide apoñerlle á xuvenil Taxi un compañeiro de mediana idade, de rostro rudo e pelo cano, está claramente buscando un contraste que explotar narrativamente. A relación que se establece entre eles está marcada por esta variable: se Taxi representa a impulsividade xuvenil, Nelson compórtase coma un home experimentado, exerce en varias ocasións o papel de protector e nalgún momento chega a tratala con certo paternalismo. Se o compañeiro fose un rapaz novo e atractivo coma ela, sería moi difícil establecer unha dinámica entre eles que non rematase na tensión sexual. Entre Taxi e Nelson habela haina, pero moi atenuada, case imperceptible, e en ningún momento se incorpora ao argumento. Implicitamente, Font está renunciando a situar a sexualidade da protagonista no centro do relato, aínda que sexa a costa de asignarlle un titor.
“¡Vaya! ¡Qué oportuno!”
Visto en conxunto e coa perspectiva dos anos, penso que Font si quixo crear un personaxe feminino cuxo interese e valor en termos narrativos estivese por encima do seu atractivo físico. Non puido facelo sen pagar certas peaxes, mais o esforzo, coido eu, existe.

Non sendo a obra máis destacada do seu autor nin a máis representativa do seu tempo, Taxi reúne valores suficientes para merecer unha reedición. É de agradecer que Planeta rescatara do esquecemento este título, recollendo nun único volume os tres álbums do personaxe cun formato e unha calidade de reprodución aos que se lles poden poñer poucas pegas. Dito iso, resulta inexplicable que unha reedición coma esta non inclúa contidos que permitan contextualizala correctamente. É asombroso que o Integral de Planeta careza totalmente de paratextos: non hai introdución nin epílogo, tampouco nota biográfica do autor, nin a mínima información que lle permita ao lector informarse de cando foron publicados orixinalmente estes cómics. Poucos libros se publican sen un texto publicitario na contracapa. Este é un deles. Un desleixo inexplicable que sitúa esta edición por debaixo do que a obra merece. 
Source: Un ollo de vidro

2018-12-07T07:27:00+00:00 07 / 12 / 2018|Un ollo de vidro|