Tá en Puchades

Tá en Puchades

A Asociación Tá en Artes, faro guía da arte da Mariña, homenaxea ao longo deste 2018 ao profesor e escultor Juan Puchades Quilis. Necesaria, xusta, e oportuna cortesía ao mestre que con altruísmo e xenerosidade doou o seu saber ao alumnado e aos discípulos que tivemos a fortuna de cruzar con el os camiños da vida.

Juan Bautista Puchades Quilis, valenciano de nación, acaba de dobregar os 84 anos. Chegou a Mondoñedo como profesor de Debuxo con destino no Centro de Ensino Medio e Profesional, logo de aprobar a oposición correspondente, en decembro de 1959 ou quizais (a memoria é sempre caprichosa e imprecisa) fose xa 1960.

 “Veni, vidi, vici”, que seica dixo Xullo César despois de derrotar en Zela ao rei de Ponto aló polo ano 47 a. d. C., poderíaselle aplicar tamén a Puchades; con matices, claro está. El chegou e viu pero non estaba nada convencido de que merecese a pena quedar para, de darse o caso como así sucedeu, vencer.Todo entendido, naturalmente, en sentido figurado pois Puchades sempre foi home de paz e de dialogar coas armas da expresión artística.

O Puchades que non estaba convencido de quedar en Mondoñedo, quedou. Alicia Tella-Villamarín deulle as mellores razóns que el, intelixente como é, captou de contado. Logo foron vindo outras; amizades, ambiente, familia, e un Mondoñedo que naqueles anos 60, 70 e 80 recendía esencias preñadas de esperanza.

Os case 40 anos de docencia no hoxe IES San Rosendo, a implicación activa en diversas asociacións dedicadas á promoción da arte e o patrimonio mariñán, o mestrado que destapou tantos artistas, as ducias de obras espalladas (ferro, aceiro, bronce …) por media Galicia, como a singular estatua de Cunqueiro en Mondoñedo ou o monumentos aos mariñeiros de Burela, merecen un xesto de afecto como este.

É moi de agradecer ao colectivo Tá en artes que espallase por toda a Mariña, e máis alá, os extraordinarios méritos de Juan Puchades. Coa colaboración de institucións públicas como o concello de Mondoñedo, a Deputación e o Museo Provincial, dos centros de ensino da comarca, nomeadamente o IES San Rosendo, e o doutras persoas e colectivos vinculados ao mundo cultural e artístico da Mariña, organizan ao longo deste ano eventos de todo tipo. Concursos, exposicións, do exalumnado e de obra propia, e publicacións co propósito de deixar pegada imperecedoira na nosa memoria colectiva do legado de Puchades. Tempo era!

O sábado, 24 de marzo, inaugúrase no Pazo dos Santomé de Mondoñedo (antes centro comarcal) unha exposición de antigos alumnos e alumnas que percorren, inspirados polo profesor, os camiños da creatividade artística e presentarase o libro homenaxe ‘Juan Puchades Quilis. Mestre de artistas’.

Puchades, Fillo Adoptivo de Mondoñedo desde 2011, recibe así un merecidísimo recoñecemento público a un talante nobre, sempre de entrega á causa superior que é, que somos, o conxunto da comunidade. Puchades chegou, viu e, sen as ansias apresuradas de Xullo César, venceu; o que vén sendo o mesmo ca dicir que co seu traballo e bo facer, gañou o noso afecto e gratitude para sempre xamais!

Artigo publicado en La Voz de Galicia-A Mariña o 23 de marzo de 2018 co título “Tá en Artes, homenaxe a Puchades”.

© Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-03-23T15:50:56+00:00 23 / 03 / 2018|Caderno de campo|