Soleiro nas Quendas

Soleiro nas Quendas

As Quendas non teñen santo nin santa. Chámanse así por coincidir a data coa das calendas, o primeiro día do mes que, neste caso, abre co canto do cuco e o alborexar da primavera.

As Quendas, aínda que non gocen da longa historia das Feiras das San Lucas (imos cara os 854 anos de pasado), véñense celebrando en Mondoñedo desde 1541, hai xa 478 anos, sempre o 1 de maio. Tampouco está mal como exemplo dunha feira que nace franca e que se resiste á erosión adormentadora do paso da historia.

Fago memoria dos textos creados por Álvaro Cunqueiro para as Quendas e decátome de que, ao contrario do que pasa coas San Lucas, con moi abondosas mencións pola súa parte, apenas aparecen alusións súas a estoutras feiras que se repiten, ano tras ano, no tempo en que as abellas, mailas ovellas, deixan a un lado a pelella.

Pode ser que a explicación estea no número de persoas que visitan Mondoñedo polas San Lucas o que en consecuencia, e en proporción, estimularía máis a imaxinativa de Cunqueiro. Aínda así, sendo isto certo, atopamos algún que outro personaxe creado por Cunqueiro que acabou dando un garbeo polas Quendas.

Un deles aparece en Xente de aquí e de acolá, e chamábase Soleiro, un home coxo, moi calado e moi fumador, ademais de tatexo (prendía no ‘r’, no ‘m’ e no ‘p’) que tivo o ocorrencia de aparecérselle á muller despois de morto.

Soleiro, que era de Portes, de Azúmara da Terra Chá, ía ás Quendas vender la. Poñíase na Praza da Catedral, nos soportais de a carón da tenda do Sombreireiro e seica pesaba “moi decente” o produto nunha romana. Aproveitaba a viaxe ás Quendas para cortar o pelo na barbería do Pallarego.

Soleiro morreu e de alí a un tempo, a muller, que regresaba da Feira do Monte un día de barruzo, sentiu algo que pousaba na cesta baleira que levaba na cabeza. Soubo desde o primeiro instante que era o seu defunto; polo rouquén, porque cando lle falou zarabeteaba e, sobre todo, porque cheiraba moito a tabaco, a pesar de que a figura era talmente a dun corvo. Para que non se mollase, a muller envolveuno nunhas follas do xornal El Progreso.

A conversa que mantiveron, segundo comentarios que houbo pola comarca, tivo que ver con intereses particulares (que non vendese unhas leiras, que mandase para Venezuela a un sobriño que tiña na casa…). O corvo desaparecía co vendaval pero volvía, petando co peteiro na ventá do dormitorio.

Todo aquilo durou unha semana. A muller tivo que ir a consulta a un curandeiro de Vilalba, que lle receitou sementar de papeis os camiños, as pontes e encrucilladas da comarca onde dixese ben claro “No vendo. Esta que lo soy, Josefa Rivas”. Suponse que algunha daquelas copias chegou a lelas o propio Soleiro e que tivo que aceptar a negativa da esposa aos seus propósitos.

O que é verdade verdadeira é que as Quendas quedaron sen o concurso de Soleiro (se cadra en figura de corvo aínda nos visita), quizais o único personaxe inventado por Cunqueiro que en vez de baixar ás San Lucas coa friaxe do primeiro outono, prefería facelo cando o vagoroso lentor das calendas enceta a primavera.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso – A Mariña, especial As Quendas 2019 (28.04.2019)

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-04-28T08:17:04+00:00 28 / 04 / 2019|Caderno de campo|