Segredos composteláns. Para unha amena lectura

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Segredos composteláns. Para unha amena lectura

Segredos composteláns. Para unha amena lectura

Once portas

Héctor Cajaraville

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 103 páxinas.

    Héctor Cajaraville é un xornalista que irrompeu con paso firme e pouco menos que acelerado na narrativa galega. Desde o ano 2015, leva publicadas seis novelas. Un autor ademais versatil que frecuenta con igual competencia a novela para adultos e aqueloutra que tamén poden ler nenos e nenas. Once portas, a súa última entrega, é unha novela breve que se fixo merecedora do Premio Ánxel Fole de Narrativa Curta do Concello de Lugo, condición que, nos tempos que andamos, non avala nin certifica unha calidade salientable, porque todo o relacionado co mundo dos galardóns literarios, multiplicados desde 1975, é moi relativo.

A noveliña, xurdida como froito dunha investigación persoal sobre a historia de Santiago, baséase, xaora, no artificio que non se fai público ata a morte de seu autor, o mozo Guillerme Cardelle, aínda que nada se nos di sobre cómo chegou ás mans e ao dominio do escritor. No mesmo, a voz narrativa, a de Guillerme Cardelle, retrotráenos ao 9 de maio de 1929, festa da Ascensión. O mozo Cardelle achégase á carballeira de Santa Susana para entreterse cos postos do mercado e as atraccións  que alí se congregaban. Entre elas, o telderete do mago Bunda, con dous personaxes ben exóticos: un navegante escocés e un feiticeiro masai que fai de mago. O mozo Cardelle faralle unha pregunta verbo da historia santiaguesa, nomeadamente que lle revele algún segredo, “Tudo misterio desta cidade é once. Once portas en cidade, once igrejas en recinto, once camiños por bajo la tierra…” E baixo a porta once “ha tres centurias más que se guarda el homem santo Iacobo”.

Malia que todo aquilo lle cheira a calote, Guillerme Cardelle ponse a investigar o número de portas da antiga muralla, as antigas igrexas e sobre todo os túneles  que furaban o subsolo da cidade, xa que pensa que, debaixo da porta once, estaba gardada a arqueta enterrada tres séculos antes, un lugar, xa que logo, distinto do que acreditaba a oficialidade relixiosa. O que atopa é un segredo que non revelará ata despois da súa morte e que, segundo o prologuista Emérito L. Harguindey, de ser real obrigaría a darlle a volta á historia oficial e ortodoxa da cidade.

 

Héctor Cajaraville

Non entanto cómpre que o lector se decate de que a novela, se ben xurdida dunha investigación, é un fundido de historia e ficción e non desentoa con tantas hipóteses que se teñen formulado sobre a orixe dos restos mortais soterrados na cripta da catedral santiaguesa. Héctor Cajaraville conduce o relato desenvolvendo unha trama non carente de intriga,cunha arquitectura compositiva ben construída, unha linguaxe pulcra, áxil, sen ornatos espurios ou fraseos líricos, entreverando, como xa quedou sinalado, realidade histórica e fabulación. Mais coido que se perde nalgúns enredos secundarios, a numeroloxía e o significado do número once, entre outros. Tamén en leccións de historia de interese, xaora, de historiadores da antiga e actual capital de Galicia. Son sobexas igualmente, na miña estima, as esculcas sobre a antigüidade  das igrexas de Santiago, do gusto dos seareiros de lideiras arquitectónicas, mais pouco atraentes para o lectorado común. O desenlace desta pequena peza narrativa é claramente mellorable, xustamente por ser o que o lector está esperando. Non empecen con todo estas eivas unha lectura amena e entretida que é -compre non esquecelo-  un dos obxectivos da literatura, en especial da narrativa.

 ( Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 22 de xuño de 2017)

Source: NOVENOITES

2017-06-23T23:07:12+00:00 23 / 06 / 2017|Novenoites|