Se isto é un home, de Primo Levi

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Se isto é un home, de Primo Levi

Se isto é un home, de Primo Levi

Primo Levi

Se isto é un home (tradución de X. M. Garrido Vilariño)

Xerais, Vigo, 304 páxinas, 18 €, 2019

 

Se un libro que visitaches hai décadas pervive na memoria talvez se deba a que, polas causas que sexan, aquela lectura supuxo unha experiencia distinta que o fixo perdurable. Isto foi o que me aconteceu con Se isto é un home, de Primo Levi, vertido agora con excelencia á lingua galega polo profesor X.M. Garrido: unha das persoas que máis coñecementos posúe sobre o holocausto e que, con acerto, engade a esta edición un apéndice que recupera, en primeiro lugar, as respostas ás preguntas máis habituais que o propio Levi recolleu dos numerosos  encontros que mantivo co lectorado e, en segundo lugar, engade un epílogo verdadeiramente clave para comprender, en todas as dimensións, o libro e a traxectoria do seu autor.

Se isto é un home é unha novela, a meu entender, que mantén unha plena vixencia xa non só como documento memorialístico sobre unha das páxinas máis escuras e crueis da historia recente,  ao asomarse como é sabido ao relato das experiencias do propio Primo Levi e doutras persoas que sufriron as condicións de vida impostas polo nazismo no campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, senón como testemuño dos límites de resistencia que pode, en ocasións, abrazar a condición humana sometida a un proceso de desposuimento, de negación e de sufrimento. É, daquela, Se isto é un home unha novela?, en boa parte si porque está escrita cos recursos da ficción mais  tamén é un crónica, esgazadora, que supera as fronteiras xenéricas, mesmo que supera a lectura testemuñal para converterse nun dos grandes libros do século XX. Imposible non renderse e conmoverse diante do exemplo de resiliencia que este libro simboliza: unha reacción honesta contra o aniquilamento que entendo como absolutamente necesario coñecer. O premio Nobel Imre Kertész, recluído naquel campo, dixo moi claramente que logo de Auschwitz “estamos máis sós”. Este libro recórdanolo de maneira tallante e nidia.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 8 de febreiro de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-02-09T16:03:10+00:00 09 / 02 / 2019|Caderno da crítica|