Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, trinta anos despois

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, trinta anos despois

Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, trinta anos despois

Ricardo Carvalho Calero

Scórpio (epílogo de Arturo Casas)

Através, Compostela, 304 páxinas, 15 €

 

 

Merquei Scórpio escasos días despois de chegar a Compostela para cursar o segundo ciclo de Filoloxía Galego-Portuguesa, mesmo lembro que o adquirín na Libraría Couceiro. Esta información, que no fondo é moi accesoria, tráioa aquí porque este libro vai canda min neses territorios ou espazos emocionais que, no meu caso, sempre acaban de mans dadas cos libros. Descubrín naquel oitenta e sete que Don Ricardo andaba aínda, daquela, polos corredores da Facultade de Filoloxía de Mazarelos onde dispuña dun despacho. O estudantado que sabía da súa obra literaria, do seu labor crítico oceánico víaoo pasar sen nunca lle dicir nada, sospeito que simplemente por timidez. Un día, o profesor José Luís Rodríguez, tras manifestar a súa contrariedade porque parecía que ninguén quería visitalo, conduciume xunto con outro amigo ata un enorme e escuro despacho onde escribía. Foron apenas cinco minutos de amable conversa mais que eu evoco agora con saudade. Eran tempos aqueles nos que aínda escoitamos as súas palabras nalgúns congresos e nalgunhas presentacións de libros. Foi toda unha sorte.

Por veces é inevitable realizar esas asociacións, e aínda máis cando esta iniciativa de reeditar Scórpio nos lembra que van alá trinta anos desde a súa primeira edición. Confeso que a súa lectura provocara en min, naquela altura, unha moi marcada sensación de desorientación, coma se necesitase un mapa para non perderme. Era evidente que se trataba de algo moi distinto de todo o que lera ata o momento, pola súa estrutura e concepción, pero tamén advertía que había fíos de interpretación que me fuxían. Lera xa daquela algún libro de entrevistas co escritor ferrolán e é máis que probable que quedase tan só nesa percepción superficial de novela autobiográfica ou autoficcional nalgún sentido. Mirado con perspectiva, bastante xa era para aqueles tempos.

Pasados os anos, sempre que tiven ocasión, achegueime con interese a traballos interpretativos nucleados por volta novela  e fun entendendo máis cousas deste libro, ata dar con este epílogo revelador, realmente epifánico, que subscribe nesta reedición o profesor Arturo Casas baixo o título “Agora que agoniza um mundo”, precisamente as derradeiras palabras que escribiu Carvalho no seu libro. Nestas páxinas Casas analiza e sistematiza con rigor os esforzos  taxonómicos que foron vendo a luz sobre a novela ata agora -convido a coñecer as catro “lóxicas” nas que estende o ensaísta-, para alén de suxerir outras consideracións e a súa propia lectura, sólida e alicerzada con convicción, que ve nalgunhas páxinas da novela unha recreación alegórica, no final de Rafael/Scórpio, do Juan Tenorio; alén dunha presenza relevante dalgúns aspectos deste modelo en diversas pasaxes e situacións narrativas.

Animan estas páxinas finais a reler Scórpio doutros xeito. Agradezo a iniciativa levada a cabo por Através e a máis espléndida idea de acrecentar un epílogo tan clarificador e suxestivo como o que asina Arturo Casas. Redescobre na súa lectura ángulos ignorados ou só presentidos e axuda a entender a novela; contribúe ademais a poñer en valor unha novela das máis salientables, por moitos motivos, que acolleu a literatura galega a finais do século XX e, por extensión, fai un acto de xustiza cunha voz da que non podemos prescindir por motivo ningún.

 

 

Arquivado en:Literatura galega, Novela, Opinión Tagged: Arturo Casas, Através, Ricardo Carvalho Calero, Scórpio
Source: Caderno da crítica

2017-10-21T16:17:30+00:00 21 / 10 / 2017|Caderno da crítica|