Santoalla: un ‘thriller’ para documentar un tempo de ruínas

Inicio/INFORMACIÓN/Letra en Obras/Santoalla: un ‘thriller’ para documentar un tempo de ruínas

Santoalla: un ‘thriller’ para documentar un tempo de ruínas

Marga Pool

Santoalla do Monte é unha aldea (e parroquia) bombardeada polo tempo. Aínda así, en mimetismo cunha paisaxe que estremece, conserva unha beleza magnética. Ata mediados do século XX este lugar de Petín (Valdeorras) tivo o seu particular momento de esplendor. Despois, a emigración (ao estranxeiro, ás cidades ou mesmo ás vilas da comarca) foi minguando a poboación ata o límite.

En 1988 Chano Piñeiro decidiu que Santoalla era o escenario idóneo para ambientar boa parte de Sempre Xonxa. Logo dunha rodaxe tortuosa, en novembro de 1989 estreábase a primeira película galega gravada en 35 mm (tamén pioneira no uso da nosa lingua). Case unha década despois daquel fito cinematográfico, o holandés Martin Verfondern e a súa muller Margo Pool chegaron a Santoalla fuxindo do rebumbio urbano de Amsterdam. Querían iniciar unha nova vida e atoparon o seu lugar no mundo nunha aldea afastada de todo (a 20 minutos en coche de Petín)

Os primeiros tempos convidaban ao optimismo. A parella holandesa entendeuse ben coa única familia que seguía a vivir en Santoalla. Co tempo, a convivencia foise deteriorando, ata derivar nun enfrontamento aberto (ameazas, agresións, denuncias no xulgado…). O principal punto de fricción tiña que ver coa explotación dos montes veciñais.

A historia deu o seu primeiro gran punto de xiro en xaneiro de 2010. Martin Verfondern desapareceu sen deixar rastro cando se dirixía á capital da comarca (O Barco). Aínda que sempre houbo sospeita dun homicidio, o desenlace produciríase catro anos despois cando atoparon o seu corpo nunha zona boscosa. Pouco despois foron detidos dous membros da única familia veciña, nos interrogatorios un deles confesou a súa culpabilidade.

De toda esta historia nace a película documental Santoalla, dirixida polos estadounidenses Daniel Mehrer e Andrew Becker, e coa participación da valdeorresa Cristina de la Torre nas tarefas de produción. Foi unha rodaxe atípica. Comezou cando aínda se descoñecía o paradoiro de Martin Verfondern e rematou logo das detencións. Na película, que camiña entre a antropoloxía e o “thriller”, teñen voz todos os protagonistas da historia.

Despois de percorrer diferentes festivais internacionais, o documental está este mes por terras valdeorresas. Esta fin de semana houbo pases no Barco e o vindeiro poderá verse na localidade da Rúa. Na produtora negocian para que neste outono-inverno o documental percorra as salas das cidades galegas.

P.S: Despois dunha visita a Santoalla, un pregúntase como as institucións públicas non interveñen para recuperaren un lugar que xa é historia da nosa cultura. A aldea máis cinematográfica do país prosegue o seu camiño cara a extinción. A esperanza queda na única veciña que aínda non tirou a toalla: Marga Pool

 

Source: Letra en Obras

2017-09-12T11:20:35+00:00 12 / 09 / 2017|Letra en Obras|