Sabuxo nun mundo ido

Sabuxo nun mundo ido

Terradentro

Xosé Benito Reza

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 374 páxinas.

    De novo debuta en Edicións Xerais un narrador serodio que procede do mundo da ciencia, do estudo e conservación da natureza aos que ten contribuído con salientables traballos ensaísticos. Terradentro é a súa primeira obra de ficción. Refírome a Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) que, en pasadas semanas, deu ao prelo esta novela de novelas. Terradentro é en realidade tres longos relatos que o autor sitúa na metade do século pasado, no tempo das chancas, nunha vila galega e na súa bisbarra, situada preto da fronteira portuguesa e que ten todas as trazas de ser Celanova. Os tres relatos, con tramas ben diferentes, están ligados polo xorne negro-detectivesco dos mesmos e por compartiren o mesmo protagonista e algúns outros personaxes principais ou secundarios. Protagonista e narrador das tres historias é o avogado da vila, Pepe Rial, que se ve a si mesmo como avogado das silveiras. Porén como investigador é un espelido sabuxo que non ten prezo. Atopa a autoría dos crimes, misterios ou enredos con enxeño, intuición e olfacto, propios dos máis afamados detectives.

Na primeira historia, “Berros no vento”, Pepe Rial enfróntase ao asasinato de don Esteban que acontece despois da Guerra. Don Esteban é o último fidalgo, como o alcumaban na vila. Aparece morto na casa dun antepasado  seu, un indiano. Coa axuda do capitan da garda civil, Augusto Flores, personaxe asemade das outras historias, Pepe Rial resolve un caso moi complexo no que o misterio acada unha dimensión espantosa. “Casagrande de Ademourán”, a segunda historia, acontece nunha casa situada en Remuiños, un lugar na penechaira  próxima á fronteira portuguesa ateigado de mámoas que se chantan no campo tumulario. Unha das mulleres que habitan na mansión  cóntalle ao avogado Rial a teima dun seu irmán, recentemente falecido, cos tesouros dos mouros, agochados entre as mámoas. Pepe Rial comprométese a atopar o tesouro coa axuda do profesor xubilado Guillermo Mazaira. E así será, mais nun lugar ben diferente do que cría a familia. Unha novela pois sobre a busca de tesouros, obsesión así mesmo moi presente na oralidade e na mitoloxía galegas, que inclúe ademais unha historia de mortes, latrocinios e unha pescuda detectivesca, con resultado favorable debido ao ollo aleuto de Rial. Finalmente a terceira historia, “O can do alcalde”, achéganos o enredo da cadela do alcalde franquista, un personaxe nefasto, camisa azul da Falanxe. A cadeliña aparece pintada a primeira vez de verde, logo de azul e branco e na terceira vez coas cores da bandeira republicana. Pepe Rial tamén resolverá o enigma das pintadas do animal, que moito alporizaron o alcalde, logrando así mesmo a paz para a vila logo dunha década de terror.

 

Xosé Benito Reza

Cómpre recoñecer que Xosé Benito Reza debuta na narrativa de ficción con tres historias ben estruturadas e atinadamente desenvolvidas. A investigación e resolución dos enigmas son o elemento estruturador das mesmas. Porén, o lector no só atopa unha máquina de pensar, propia da narrativa detectivesca, senón tamén os principais ingredientes da novela negra: o retrato psicolóxico dos personaxes e a pintura crítica da sociedade vilega e rural nun tempo ido pero no que están aínda moi  presentes as pegadas da Guerra.

Nas tres historias posúen especial relevancia as minuciosas e coidas descricións dos personaxes, as recreacións das vidas da xente desta vila da Galicia interior e das paisaxes que son o resultado do esforzo titánico dos vilegos e paisanos das aldeas por domear a natureza.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 13 de xullo de 2017)

Source: NOVENOITES

2017-07-23T17:03:19+00:00 23 / 07 / 2017|Novenoites|