Román Rodríguez adianta os eixes da Consellaría de Cultura para os vindeiros anos

Inicio/INFORMACIÓN/Cultura Galega/Román Rodríguez adianta os eixes da Consellaría de Cultura para os vindeiros anos

Román Rodríguez adianta os eixes da Consellaría de Cultura para os vindeiros anos

Co Xacobeo como horizonte, o concelleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu esta mañá no Parlamento a presentar os eixes estratéxicos do seu departamento de cara aos vindeiros anos. Entre as súas propostas, canda a iniciativas xa anunciadas, anunciou novidades como a creación dun Mercado da Arte “dedicado a dar visibilidade e impulsar a carreira dos novos artistas” ou a posta en marcha da Galicia Film Office para impulsar a realización de rodaxes no noso país. Tamén adiantou a vindeira produción dun “gran espectáculo de danza que xire por Galicia e polo exterior”. O conselleiro referiuse á creación do Legado Artístico de Galicia que anunciara o presidente da Xunta, a indicar que este proxecto “perseguirá a máxima protección, conservación e dispoñibilidade da obra dos artistas galegos, históricos e contemporáneos”.
No campo da literatura, o conselleiro adiantou a creación para o vindeiro ano de liñas de axudas a novos creadores no ámbito da literatura, a tradución e a ilustración. Un novo Programa de Bibliotecas Itinerantes, integrado no Plan de Dinamización da Lectura preséntase como unha das medidas a prol do sector editorial. Segundo a súa intervención a proxección exterior da cultura desenvolverase a través dos eixes do Atlantismo, con presenza no Showcase Scotland e no Festival Intercéltico de Lorient; da Lusofonía e do Camiño de Santiago.

Encol do patrimonio, a creación de rutas por pequenos cascos históricos como Mondoñedo ou Betanzos e a posta en marcha de axudas para a rehabilitación de bens etnográficos vencellados ás rutas xacobeas son as principais medidas anunciadas. Tamén nacerá o premio Vila cultural que recoñecerá unha vila do país pola súa excelencia no coidado do patrimonio e a xestión cultural. A consellaría tamén prevé desenvolver un Plan de Itinerarios Culturais como complementos cos camiños Xacobeos.

Rodríguez adiantou tamén que antes de final do ano chegará ao Consello da Xunta para a súa aprobación a demorada Estratexia da Cultura Galega e lembrou a posta en marcha dunha liña de axudas para creadores musicais. Entre as cuestións pendentes que destacou está o desenvolvemento do Plan de rehabilitación de BICS do Camiño de Santiago, para o que a Xunta solicitou o cofinanciamento do Ministerio de Cultura.
Source: NOVAS |culturagalega.org

1970-01-01T00:00:00+00:00 01 / 01 / 1970|Cultura Galega|