Resiliencia

Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980) é artista ben coñecida no eido da dramaturxia galega, pois á súa andaina como actriz suma as facetas de directora, guionista, deseñadora gráfica, atrezzista, escenógrafa e didacta escénica. Mais a esta dedicación engade unha outra na que brilla con igual talento, a da escrita lírica, ámbito no que acaba de ver luz o seu libro Entullo, Premio de Poesía Miguel González Garcés da Deputación da Coruña.

O xurado que distinguiu o poemario —integrado por Goretti Sanmartín, Lucía Aldao, Gonzalo Hermo, Pilar Pallarés, Antón Lopo e Marga Romero— destacou nel, ao meu ver atinadamente, “a orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional”.

Neste sentido, as tres ducias de poemas que compoñen a obra resultan unha exploración, dolorosa ás máis das veces, lenitivamente esperanzada outras, da tensión dialéctica entre as entidades da Habitante/Corpo dunha banda e Engano da outra, personaxes dun xogo lesivo de ausencias e rancores, simbólica dunha relación esfarelada, defraudada, traizoada.

Porque este Entullo é cascallo do corazón, un planisferio da pel no que van labrándose as máculas que a caída dos cascotes infrinxe. A ánima, como rebo vital, ten que aprender a se erguer entre os cachotes, asumir que a única vía é a resiliencia, ser quen de acalmar o Corpo, de dignificar a Habitante, de arredar a sombra fera do Engano.

Visto así, o poemario traza coseduras que camiñan dende “O Mal” inicial (“o momento no que todo se veu abaixo”) ata o “Alivio” final (“Cando superes a latencia da ferida”), pasando pola estación de “A ferida” (tempo no que unha apenas se vai “disfrazada de viva”), a pulsión que debuxa “A ira” (habitada co “noso retrato de cadáver inspulto”), a loita polo “Autoinmune” (“descabezada á procura estéril dun aquel de dignidade”) e a demanda de “Epítemas” (“medrar un algo, construír un algo, refacer un algo”).

O verso apositivo e anafórico alterna en Conde coas imaxes desgonzadas e unha metafórica brava, de silveira que espiña os sentidos, semántica que magoa na dureza dun dicir de gume de catana. Nada neste Entullo é por acaso, todo ten o seu lugar. Mesmo as devanceiras que se invocan nas palabras liminares son memoria benéfica e guieiro para o camiño, todo el alfombrado de picos e agullas, de cristais rotos que sangran a pisada.

Conde arroupa estes versos con algunhas ilustracións de hálito oriental, estampados de tintas vertidas, como disparos sobre o papel que son espello dos versos tatuados de mancaduras. O conxunto resultante é un tecido visotextual podente, no que arreguizan repristinados temas de onte e de sempre, mais aquí vaporizados cunha estética de desengano aprehendido e capacidade de superación irrenunciable.

Baixo a luz tutelar de Beckett, tradeado de pedrafitas escénicas e códigos teatrais, este Entullo de Lorena Conde é tamén ―e, se cadra, antes nada― unha “Epístola ás Habitantes futuras”. Para elas, “irmás”, agroma este canto no que a poeta proclama: “Dende aquí./ Dende a calma lograda a dentadas./ Do alto da agulla equilibrada na faceta dun gran de area,/ agora podo escribirvos esperanza a todas”.

Para elas, para vós e para nós é este himno de resiliencia de Lorena Conde, Entullo ao que sobrevivir, sempre alén de calquera derruba, superando “este coliseo de saldo” ata deixar atrás, definitivamente, “a praza en obras que somos agora”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-6-2017]

 

Source: Criticalia

2017-08-31T08:40:43+00:00 31 / 08 / 2017|Criticalia|