REMUÍÑO DE LIBROS (63). "A derradeira bala", de Fernando Castro Paredes

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/REMUÍÑO DE LIBROS (63). "A derradeira bala", de Fernando Castro Paredes

REMUÍÑO DE LIBROS (63). "A derradeira bala", de Fernando Castro Paredes

TÍTULO: A derradeira bala.

AUTOR: Fernando Castro Paredes.

EDITORIAL: Galaxia. Colección: Costa Oeste.

A derradeira bala, do escritor e profesor moi vencellado ao mundo do teatro escolar, Fernando Castro Paredes é aobra gañadora do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018, convocado pola Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro.
     A derradeira bala é unha peza teatral  que deixa constancia do absurda que é a guerra. Do seu mundo escuro, miserento, inhumano que asolaga cada un dos recunchos polos que se aproxima. Esta situación dos conflitos bélicos aparece explicitada por medio do uso dunha linguaxe directa artellada en diálogos curtos, vivos, dinámicos e non exentos de humor, ás veces, case rozando o esperpento, e de ironía.
 

Fernando Castro Paredes. (Foto Ed. Galaxia)

    
     O feito de que estea estruturada en cinco pequenos actos, a xeito de escenas ou capítulos con cadanseu título significativo (A captura. A condena. O medo. O silencio. A vontade e O inimigo), axuda o lector adolescente a percibir o desenvolvemento gradual da tensión dramática, ao mesmo tempo que observa a súa repercusión na actitude variante e evolutiva dos personaxes dentro da atmosfera asfixiante da convivencia nunha trincheira.
     Os personaxes son cinco adolescentes, que non xogan á guerra, senón que existen e sobreviven nela. Luciano, farto de tanta negrura decide seguir o seu instinto na busca da beleza que lle proporciona a música. Xa non lle chegan nin o gramófono nin os discos para poder fuxir de tanta barbarie porque o seu instrumento, a voz, non atura máis a súa prisión. Por iso, decide desertar e poder comezar a vivir sen medo. Pero Luciano non logra o seu obxectivo porque é descuberto e condenado a morrer fusilado coa derradeira bala, a mans dun compañeiro. Aínda que o universo garda outro destinatario para esa derradeira bala porque nunha guerra toda a humanidade perde.

Páx.18: “Luciano tranquilízase e volve ao seu canto. Está mirando cara ao outro lado da trincheira, cara a onde está a súa liberdade…”
Páx.24: […]“Que tes, rapaz?Dubidas?,preguntoume un deles. Eu dixen que si .Que non quería ir á guerra. Que o que en realidade quería era aprender harmonía e composición . E cantar. Sobre todo, cantar[…]”
Páx.51: “Luciano: É bo o silencio. Sen silencio non hai música.”  


                                                                                                     Alba Piñeiro

Source: Versos e Aloumiños

2019-07-01T19:24:00+00:00 01 / 07 / 2019|Versos e aloumiños|