REMUÍÑO DE LIBROS (59) "Iridium", de Francisco Castro

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/REMUÍÑO DE LIBROS (59) "Iridium", de Francisco Castro

REMUÍÑO DE LIBROS (59) "Iridium", de Francisco Castro

TÍTULO: Iridium
 
AUTOR: Francisco Castro.
EDITORIAL: Galaxia. Colección: Costa Oeste.

O escritor, editor e actual director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, achégalles aos lectores adolescentes e tamén adultos esta novela que pon de manifesto a importancia de visualización e normalidade da diversidade na sociedade.
     Novela realista e valente ao denunciar certos prexuízos con fortes raizames na nosa sociedade actual. Moitas veces consumista, superficial e hipócrita que prexulga a través das aparencias, sen ser quen de botar unha ollada máis alá do físico.
 

Francisco Castro (Foto Atlántico Diario)

     
     Iris é a protagonista, unha adolescente do seu tempo, estuda primeiro de bacharelato e domina as redes sociais, chegando a ser “ unha raíña” do Instagram con milleiros de seguidores en todo o mundo. Pero agocha un segredo aos seguidores, pois como adolescente, o que pensen e digan dela, impórtalle demasiado. Antes do accidente, Iris era feliz: tiña amigos, fama no instituto e noivo…Pero agora sabe a diferenza entre existir e vivir, mellor dito, sobrevivir porque é o que fai todos os días para intentar vivir a súa vida sen a sobreprotección dos seus pais, nin dos chamados amigos. Será, en boa parte, grazas ao amor como descubrirá o que é real e verdadeiro porque a fará sentir “normal” dentro deste mundo desigual.
     O feito de que estea estruturada en dezaseis capítulos curtos, cunha linguaxe directa, non exenta de humor, e artellada por medio de diferentes canles dixitais, facilita que os lectores mozos conecten axiña con ela.
     Iridium é unha novela necesaria para que os mozos reflexionen sobre o futuro que queren de pluralidade e equidade ou cheo de prexuízos que tapizan a realidade a base de teas superficiais e sen ningún retallo de humanidade.

     
       Algúns exemplos do dito:
Páx.46:”…agora case que ninguén se atreve a dicirme que non a nada por todo o que me pasa…De feito,regaláronme cuarto da ESO e con todas aprobadas.”
Páx.51: “Os profesores e profesoras, as compañeiras e compañeiros, todo o mundo aquel día (aínda hoxe o fan) comportouse exactamente como non había que comportarse. Sei que o fan por ben, coma meu pai.[… ] Quero ser normal. E que me traten normal”.
Presentación en Moaña de Iridium. (Foto Gonzalo Núñez)

                                                                                                                                              ALBA PIÑEIRO  

Source: Versos e Aloumiños

2019-04-08T17:55:00+00:00 08 / 04 / 2019|Versos e aloumiños|