REMUÍÑO DE LIBROS (58) "O segredo de Avó Oso", de Pedro Mañas

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/REMUÍÑO DE LIBROS (58) "O segredo de Avó Oso", de Pedro Mañas

REMUÍÑO DE LIBROS (58) "O segredo de Avó Oso", de Pedro Mañas

TÍTULO: O segredo de Avó Oso

AUTOR:  Pedro Mañas

ILUSTRADORA: Zuzanna Celej
Versión galega de Manuela Rodríguez

EDITORIAL: Kalandraka, 2019.

Pedro Mañas é poeta –un bo poeta- e ben que se nota cada vez que escribe un texto en prosa. Teño diante miña, un álbum fermosísimo, O segredo de Avó Oso, publicado pola editorial Kalandraka. Entusiasmoume.
     

Unha escrita poética, maxistralmente descritiva, chea de tenrura e delicadeza. Cunha economía de linguaxe que se agradece nos álbums, o autor vai tecendo unha historia de misterio que se desenvolve na natureza. É a natureza un personaxe máis do álbum que nos presenta o remate do inverno moi ben representados polo autor e pola ilustradora.
     

Pedro Mañas (Foto: Kalandraka)


      E se falamos de poesía, fixemos a atención no comezo da historia: Coma un borrón de tinta chinesa sobre un caderno en branco. Así cae a sombra de Mamá Corvo sobre as árbores. Un delicioso comezo que augura un relato delicado e elegante.
     
     É o bosque nevado o escenario onde se atopan Mamá Corvoe Avó Oso. Este remata o seu letargo invernal pero non é quen de lembrar onde agochara un segredo. Isto obsesiónao. Buscan e buscan pero o segredo non dá aparecido. A resposta sempre é a mesma : Non, non foi aí onde o agochei. Como dubida, perde seguridade e, daquela, séntese vulnerable.
    

Ilustración de Zuzanna Celej

     
     Pedro Mañas escribe un texto de misterio, si, pero ateigado de poesía que nos permite acceder a unha natureza humanizada, marabillosamente descrita polo autor e na que as prosopopeas e as metáforas dan brillo ao texto. E o texto, en conxunción coas ilustracións, aparécenos brillante e cheo de agarimo por todo aquel que  aparece nesta historia. Pura felicidade.
     
     

Zuzanna Celej

Mención especial, como queda claro, merecen neste álbum as espléndidas ilustracións de Zuzanna Celej,  porque, como di Ramón Nicolás, –a quen lle roubo estas palabras-  o seu discurso plástico, “abraza unha concepción discursiva, a meu entender, como un texto poético segmentado, onde a interpretación de Celej resulta todo un achado nun reto pragado de dificultades que solventa cun xogo de encadres sorprendentes e cunha solución final que convida a reparar nos pequenos detalles”. Non se pode explicar mellor.

     
     Unha historia, unha fábula, dunha beleza extraordinaria que remata de xeito marabilloso e que nos queda moi preto do corazón.

                                                                                       
                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2019-03-11T16:10:00+00:00 11 / 03 / 2019|Versos e aloumiños|