REMUÍÑO DE LIBROS (51): "A pel do mundo", de Berta Dávila.

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/REMUÍÑO DE LIBROS (51): "A pel do mundo", de Berta Dávila.

REMUÍÑO DE LIBROS (51): "A pel do mundo", de Berta Dávila.

TÍTULO: A pel do mundo.

AUTORA: Berta Dávila.



ILUSTRACIÓNS: Alba Cid.
EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.

Berta Dávila, unha das novas voces poéticas e tamén narrativas destacadas dentro da nosa LIX, achégalles aos lectores a partir de doce anos este interesante e atraente poemario.
     A pel do mundo é un conxunto de vinte e nove estampas persoais,  a xeito de retratos poéticos, baixo o título de antropónimos de nenas e nenos que serven de coñecemento pero tamén abren a vía da reflexión do mundo no que vivimos.
     Trátase dunha viaxe cultural, xeográfica e persoal de vinte e nove protagonistas que representan as diferentes maneiras de vida dende a perspectiva  da ollada infantil .  Vinte e nove olladas do mundo circundante, pequeno pero básico para comprender a idiosincrasia particular dos diversos protagonistas.
     Protagonistas que soñan con abandonar o mundo de tonalidades grises, onde as máscaras da hipocrisía, a maldade, a miseria e a explotación cobren todo, e poder  atinxir o de cores rechamantes no que cadaquén poida ter voz e soños.
ADISU: “E cando lle preguntan de onde vén,/de onde son eses ollos seus/negros coma carbóns/pensa sempre/que o fogar son dous brazos de nube/e unha voz de cristal que di ”meu neno”.
OLIVIER: “Olivier é especial/desde o día que aprendeu da poesía/ que non é necesario/ correr coas pernas,/ cando se pode voar coa cabeza/ prendida no ronsel dun verso máxico.”
GIULIA: “E polas rúas estreitas/da cidade pantano/camiña desexando/non esquecer xamais/que ela é a principesa verdadeira/entre todos os bailes de mentiras/cos que está feito o mundo/no que vive.

     
     Explotación, miseria, emigración, ritmo frenético das sociedades industrializadas pero tamén a tenrura, o agarimo, o amor á natureza e o poder evocador das palabras teñen cabida nestes versos. Esa ollada-esponxa que cativa cuns versos carentes de rima pero cheos de ritmo nos que se debullan os gustos culturais e o amor pola lingua xunto ás reivindicacións sociais dos menos favorecidos.
     Versos necesarios para que a rapazada sexa consciente do mundo no que vive e amplíe a súa visión cara á humanidade tendo  o coñecemento como base imprescindible para crear un futuro máis xusto.
     Diferentes niveis de lectura, para os máis pequenos é un achegamento a diversas culturas e os textos explicativos que aparecen ao seu carón axúdaos non só a entender a pluralidade de vidas, senón tamén a situar no atlas xeográfico o país correspondente. Para os lectores de máis idade é unha porta aberta cara á reflexión.
     Alba Cid, na súa faceta de ilustradora, achega uhas ilustracións expresivas e detallistas , acordes co ton textual.

                                                                                                                         ALBA  PIÑEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2018-09-21T11:15:00+00:00 21 / 09 / 2018|Versos e aloumiños|