REMUÍÑO DE LIBROS (29) "Kumamoto e os Doce Robóticos", de Xoán Babarro

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/REMUÍÑO DE LIBROS (29) "Kumamoto e os Doce Robóticos", de Xoán Babarro

REMUÍÑO DE LIBROS (29) "Kumamoto e os Doce Robóticos", de Xoán Babarro

TÍTULO: Kumamoto e os Doce Robóticos.
AUTOR: Xoán Babarro.
ILUSTRACIÓNS: Pedro Díaz Lorenzo.
EDITORIAL: Tambre. COLECCIÓN:  Ala Delta.
A editorial Tambre achégalles aos lectores a partir de oito anos esta fantástica historia onde o seu autor, un dos referentes dentro da LIX, Xoán Babarro é quen de axuntar tradición e innovación.
     Trátase da experiencia vivida e contada por Roi, o neno protagonista, a partir da chegada do robot Kumamoto, galano do seu tío mariñeiro, Salvador, e traído do Xapón.
     O que, nun primeiro momento, era só unha diversión para Roi, axiña se vai converter no eixo de atención por parte de toda a súa contorna inmediata, de tal xeito que tanto os membros da súa familia (pais, irmá, avó e tío) coma os seus amigos, alcumados os Doce Robóticos, amosan interese polo androide e a súa capacidade para resolver calquera tipo de proba, manual ou intelectual, chegando mesmo a ser o campión do concurso das adiviñas. Só Laúdo, o gato e compañeiro de xogos de Roi, parece reticente co protagonismo do novo membro familiar ata que é incluído para tamén participar nas súas aventuras infantís. Pero a presenza dun misterioso detective será o detonante da ruptura desa harmonía na vida de Roi, quen comprederá que o único que se pode apreixar e gardar son os recordos dos fermosos momentos vividos.
 

Xoán Babarro

     O feito de que a súa estrutura sexa de dez capítulos curtos e estean escritos cunha prosa clara, fluída e tecida con doses de humor e tenrura, á vez que inzada de referencias á literatura de tradición oral, atrae a atención do lector, que decontado se identifica co seu protagonista.
     As ilustracións, en branco e negro, expresivas e detallistas de Pedro Díaz Lorenzo dotan de vida os personaxes e están en sintonía co ton textual.
                                                                                                

   
                                                                                                                                       ALBA  PIÑEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2017-07-15T20:11:00+00:00 15 / 07 / 2017|Versos e aloumiños|