Remexido de patacas

Remexido de patacas

Despois de moito tempo de silencio, cansazo, mágoas, bágoas e sorrisos, e con moitas dúbidas de se volver ou non a esta casa na que se converteu o blogue, onde as palabras fixeron amizades e tentaron ser faro algunha vez, volvo, ou tentarei volver. E que mellor unha volta cun empurrón? Foi a miña compañeira Ester González Martínez quen decidiu que aquí había que varrer e regresar á vida. A súa lectura, un Remexido de patacas de Eli Ríos publicado por Baía.
Grazas, Ester.
Aquí a súa recomendación:
Case podo imaxinar as persoas a conversar despois de ler o libro:
– Ti cres que ao final…
– Para min que si.
– Pois enu non sei, igual non…
Porque Remexido de patacas é un libro para falar del despois de lelo, para calar despois de lelo, para pensar despois de lelo … Para ler despois de lelo.
Porque ao rematar a historia queda un mexido de imaxes de mulleres fortes, solidarias, resolutivas que máis tarde ou máis cedo (o tempo importa?) deciden romper co que as esmaga e DECIDIR por si mesmas sobre como será o longo das saias que poñerán, a que hora toquenearán no sofá e o momento idóneo para tocar un instrumento.
E como di Enma Pedreira no prólogo “notas que doe”. “A realidade doe”. A nosa sociedade é así de dura e que doia quizais sexa o primeiro paso para comprometérmonos. Pero, ollo! Que tamén sorriredes e vos emocionaredes a fartar.
Estades agardando a que diga algo das patacas? Pois non. Iso queda da vosa conta.

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2019-08-13T09:01:00+00:00 13 / 08 / 2019|Trafegando ronseis|