Regreso ao imaxinario terrorífico galego

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Regreso ao imaxinario terrorífico galego

Regreso ao imaxinario terrorífico galego

Los cuentos de la niebla

Laura Suárez debuta cunha compilación de relatos que recuperan o imaxinario sobrenatural da tradición oral galega.

Os personaxes, figuras e lendas do acervo sobrenatural galego incorporáronse á literatura escrita da man de autores como Ánxel Fole ou Rafael Dieste, cuxos contos recollían non só os lugares comúns, senón tamén os modos narrativos dunha vizosa tradición oral. Coa versatilidade e resistencia propia dos mitos, esta materia máxica seguiu a proxectarse adiante no tempo, sendo reinterpretada en clave contemporánea na obra de escritores coma Agustín Fernández Paz ou Suso de Toro, até converterse en tópicos frecuentados polas ficcións actuais, nomeadamente na literatura de xénero fantástico.
Seguindo este ronsel, a dumbriesa Laura Suárez escolleu unha ambientación inequivocamente galega para o seu primeiro cómic, Los cuentos de la niebla. Malia a deliberada ausencia de indicadores que nos permitan contextualizar con exactitude os seus relatos, estes transcorren nun espazo que podemos identificar como a Galicia anterior á mecanización e á chegada da luz eléctrica. Nese escenario marcado pola escuridade irrompe o sobrenatural (a Santa Compaña, os meigallos, animais agoireiros, esconxuros…), como unha forza malvada que escapa ao control da xente e remata por condicionar as súas vidas. A autora confesa que os catro relatos que compoñen o volume, máis un quinto que lles vale de marco, están inspirados nas historias que lle contaba a súa avoa sendo ela unha nena. Este vínculo coa narrativa oral tradúcese nun achegamento máis próximo á ortodoxia do conto de medo clásico que ás súas revisións recentes. Lonxe de calquera pretensión modernizadora, o principal desexo da autora semella ser o de darlle forma visual aos vellos relatos da tradición oral e con ese fin desprega un notable abano de recursos gráficos. O libro responde a unha proposta visual coidadosamente definida, marcada polo predominio dos grises e o gusto da autora pola simetría na posta en páxina.
Os contos de Suárez están marcados por un certo fatalismo. As forzas sobrenaturais conseguen impoñerse ás persoas sen que exista un pretexto argumental que o xustifique. O castigo é arbitrario, amoral. Probablemente sexa nesa ausencia dunha mensaxe moralizante onde os relatos se distancian con máis claridade da súa filiación tradicional e conectan co ethos contemporáneo. Na era da imaxe dixital é máis difícil que nunca darlle forma ao invisible e nese reto Suárez amósase como unha debuxante valente e talentosa, capaz de buscar un camiño propio para achegarse a un imaxinario ancestral.

Source: Un ollo de vidro

2019-07-30T06:05:00+00:00 30 / 07 / 2019|Un ollo de vidro|