Refléjame: un libro espejo

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Primeiras Lecturas/Refléjame: un libro espejo

Refléjame: un libro espejo

Aigner, Julie (2004), Refléjame: un libro espejo. Ilust. Nadeem Zaidi. China: Essential Minds
[14 pp.] (ISBN: 84-96-260-55-0).

Descrición do formato e o contido: Este volume, escrito en castelán, é un álbum ilustrado perfecto para que os nenos xoguen, para que interactúen con el. É un libro de pequenas dimensións, concretamente 17×17 centímetros e todas e cada unha das súas páxinas son grosas, non só as gardas, deste xeito podemos entender que vai dirixido a que sexan eles quen o manipulen. Trátase dun volume con moi pouco texto e este está orientado de cara a que os nenos e nenas xoguen e sigan as súas indicacións. O que máis nos chama a atención deste libro é o espello situado no centro das páxinas situadas á dereita, a través da escrita convídase aos pequenos a que imiten as caras que poñen os diferentes personaxes (un sol, unha ra, un mono…). O contido refírese en todo momento a isto precisamente, preséntanse os distintos personaxes un a un e todos eles convidan ao lector a xogar co espello.

Potencialidades: unha das potencialidades máis claras deste libro é a introdución á lecto-escritura posto que se produce unha correspondencia entre a escrita e as ilustracións, cada vez que aparece un personaxe novo este é presentado a través de palabras e imaxes. Por outra banda, tamén debemos destacar que o feito de que o libro teña un espello axudará a que os máis pequenos comecen a formar a súa imaxe e esquema corporais, algo que resulta indispensable nestas primeiras etapas para acadar no futuro un bo desenvolvemento psicomotor. Ademais outra das potencialidades máis claras é que nenos e nenas, xogando cos libros abriranse camiño de cara ó mundo da lectura e por medio de volumes como este axudaremos a que consideren a lingua e a literatura a través dos libros  como un medio de descubrimento, diversión e aprendizaxe.

Source: primeiras lecturas

2017-05-19T09:24:36+00:00 30 / 04 / 2017|Primeiras Lecturas|