Razóns polas que (non) parar a roda das mulleres

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Blog de Mercedes Queixas/Razóns polas que (non) parar a roda das mulleres

Razóns polas que (non) parar a roda das mulleres

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 7 de marzo de 2018. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Están a ser moitas as tentativas mediáticas para o despiste ao redor da convocatoria da folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo, unha data que, con certeza, xa ten marcado un punto de inflexión a respecto de certo mimetismo festivo de anos precedentes que tan urxente era revisar.

É por iso máis preciso do que nunca focar o tema de por que chegamos até aquí. Unha convocatoria de folga nunca é unha medida lixeira, simple, casual, anecdótica nin gratuíta, senón unha opción límite, excepcional e que obedece a poderosas razóns. É por iso de afectación colectiva, malia estar promovida ou centrada nun sector social concreto.

A folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo ten carácter internacional, mais o presidente Feijoo non comprende, desde o seu outeiro gulliveriano, que pode levar as liliputianas locais a tomar a palabra e tirar o mandil sumándose a un paro laboral, de coidados e de consumo. Sen consulta nin cita previa, por conta propia e alterando a orde correcta.

Esta folga está a se converter no espello dunha realidade discriminadora e inxusta onde é preciso mirarnos para mudar a imaxe conformista e distorsionada, politicamente correcta, ortodoxa coas rutinas preestabelecidas de minutos de silencio e titulares ermos, convertidos en sinais inmobilizadores no canto de direccións prohibidas que acaben por cederen o paso á igualdade real das mulleres traballadoras.

O conxunto da sociedade moderna debería sentirse copartícipe e os responsábeis políticos son imprescindíbeis como modelos, mais difícil comezo no camiño da igualdade e da xustiza prognostican as actuacións e acusacións irresponsábeis de colectivos políticos como PP e Ciudadanos ao nos identificaren como insolidarias, elitistas, provocadoras de confrontacións cos homes, machistas, anticapitalistas, ideoloxizadas…

Ben é certo que non nos é léxico alleo nin tampouco estraña un vocabulario que precisamente é a base e xustificación dun modelo patriarcal opresivo herdado, social, económica e educativamente, por moitos homes mais tamén aínda por moitas mulleres.

E precisamente porque sabemos da súa responsabilidade na realidade actual das mulleres a nivel internacional, e por iso tamén galegas, cómpre quebrar de vez cos individualismos que ollan de esguello e que só alimentan a fame do machismo, revolvéndonos colectivamente as mulleres, solidarizándonos coas nosas mans que sosteñen a metade do ceo, como nos aprendeu a poeta Xohana Torres, para termarmos da roda do mundo.

Porque a desigualdade das outras toca a miña pel tamén.

E ben sabemos que o camiño é longo, demorado, mais é preciso andar a pé firme, paso a paso, a pegada dunha atrás das pegadas das outras.

Precisamos medidas políticas que impidan que o presidente Rajoy, ao ser entrevistado sobre a fenda salarial que impide ás mulleres cobrar o mesmo salario polo mesmo traballo, responda publicamente cun “no nos metamos en eso”.

Precisamos medidas xudiciais que impidan o peche do xulgado de violencia da muller na Coruña durante un mes por “falta de substituto”.

Precisamos medidas económicas e laborais que non obriguen a renunciar a unha parte de nós penalizando a maternidade ou o desenvolvemento profesional.

Precisamos medidas de control ético publicitario que impidan a reprodución de roles secundarios para as mulleres, empregadas como simples corpos obxecto hipersexualizados.

Precisamos medidas educativas que axuden a formar unha mocidade crítica coa realidade discriminatoria por razón de xénero.

Con todo, a pirámide da desigualdade feminina non sempre se manifesta á luz do día, con testemuñas directas nin nos afecta a todas por igual. É por iso que podemos sentir que nós estamos exentas, libres e que nada podemos facer para mudar a vidas das outras, vítimas alleas que terán que mirar por si e analizar as súas razón para aguantar, soportar, tolerar…

Eis as non razóns para non ollar de fronte ese espello que nos está a volver en tempo real unha imaxe insolidaria e mesmo tráxica que preferimos evitar mirando para outro lado.

Como docente do ensino público galego, non cobro menos que os meus compañeiros por facer o mesmo traballo e asístenme os mesmos dereitos laborais. No entanto, somos as mulleres as que solicitamos máis permisos e excedencias por coidado de fillas, fillos e maiores e autolimitamos as opcións de promoción porque continuamos a asumir outras xornadas laborais dentro e fóra da casa relativas aos coidados, o que implica asumir renuncias na progresión da nosa vida formativa e profesional.

Como pode entenderse, se non, a importante representación masculina na composición dos equipos directivos, nomeadamente nas direccións dos centros educativos, nun colectivo tan altamente feminizado?

Por outra banda, como escritora percibo a ben visíbel progresiva incorporación –e con que forza renovadora!- da escrita asinada con nome de muller, o que puidera facernos concluír que o equilibrio da balanza literaria xa chegou.

Mais o certo é que a análise dalgúns catálogos editoriais desmenten tal espellismo hipnotizador, así como as direccións editoriais ou o ronsel de nomes premiados en determinados certames como o senlleiro Premio Otero Pedrayo que estes días se entrega por primeira vez –en 40 anos!!!!- a unha muller de currículo dificilmente inigualábel: Margarita Ledo Andión.

E xa para lle pór o ramo a estas breves mencións persoais aínda cabería preguntarnos se responde ao tempo azaroso ou a algún andazo incompetente feminino que sexa tan maioritaria a representación masculina de cargos políticos dentro da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria?

Sigo procurando algunha razón para non me sumar á folga de mulleres este #8M e non consigo ningunha. Todas as razóns existen para irmos á folga. Todas as mulleres que podemos parar, debemos ser a alternativa ao medo das que aínda non poden.

Source: Mercedes Queixas

2018-03-07T08:49:28+00:00 07 / 03 / 2018|Blog de Mercedes Queixas|