Qadriños: Mulleres que só fan o que elas queren

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Qadriños: Mulleres que só fan o que elas queren

Qadriños: Mulleres que só fan o que elas queren

A nai de Austin Wiggin Jr, pitonisa amateur, prediciulle  un día ao seu primoxénito que as súas fillas se converterían en estrelas do rock. Austin decidiu botarlle unha man ao destino dispoñéndoo todo para que a profecía se cumprise. Mercoulle instrumentos ás súas fillas, sacounas da escola, recluíunas na súa casa, estableceu un rigoroso réxime de ensaios, contratoulles concertos e mesmo sufragou a gravación dun disco. Todo con escaso éxito. A morte do pai trouxo o final da carreira musical do grupo e tamén unha liberación para as súas compoñentes, que abandonaron os instrumentos e renunciaron a aquel soño imposto de éxito e fama. A cambio gañaron unha vida. Mais velaquí chega o xiro irónico, a reedición en 1980 do seu único disco rematou por convertelas nun grupo de culto, reivindicado por críticos coma Lester Bangs ou músicos coma Frank Zappa e Kurt Cobain. Os amantes da aventura poden rastrexar as cancións de The Shaggs en YouTube e abrirse así a un universo musical tan hermético coma irrepetible.

Como todas as microbiografías recollidas por Pénélope Bagieu en Valerosas 2 (Dibbuks, 2017), a historia das irmás Wiggin é ante todo un engado, unha pequena pílula concibida para aguilloar a curiosidade do lector e convidalo a seguir investigando. Mais a conclusión natural do volume no seu conxunto, o seu sentido final, é ir aínda un paso máis aló e preguntármonos: por que é tan pouco coñecida a historia de The Shaggs? Por que o nome de Solita Alizadeh, rapeira afgá que sobreviviu para contar a estarrecedora situación das mulleres no seu país, é só unha referencia vaga na nosa memoria? Por que é tan pouco coñecida a faceta de inventora afeccionada (e atinada!) da actriz Hedy Lamarr? Por que porfiamos en vincular a Betty Davis con Miles Davis e obviamos a súa propia traxectoria artística? Por que Phoolan Devin non goza da mesma popularidade que outros guerrilleiros, bandoleiros e revolucionarios? Por que entre os nomes de astronautas que somos capaces de recitar de memoria non está o de Mae Jemison? Cada unha das mulleres valerosas que protagonizan este tomo ten a súa pregunta e a resposta, implícita na proposta de Bagieu, sabémola todos. A serie Valerosas combate un esquecemento e unha ignorancia que só inxenua ou cinicamente podemos considerar casuais, ao tempo que suxire modelos de rebeldía feminina a quen os precisa, moi especialmente a aqueles que insinúan que non existen.  
Bagieu pon ao servizo desta causa un trazo afiado e moi expresivo, próximo á tradición humorística das revistas norteamericanas. Tamén a agudeza dun discurso que se constrúe a través da relación entre texto e imaxe, un diálogo no que o debuxo matiza e complementa o narrado, pero que tamén, en ocasións, ofrece un contraste do que abrolla o humor e a empatía cara os personaxes. Cada relato conclúe cun agasallo luminoso, unha dobre prancha que abraia pola súa beleza, mais tamén pola súa concisión narrativa. Ilustracións que non só decoran, tamén contan. Malia acollerse sen apenas variacións á fórmula que xa adoptara no volume precedente, os resultados non son peores senón máis ben o contrario. 
É certo que Bagieu verte sobre as mulleres que retrata unha ollada benévola, próxima á idealización, que se detén nas facetas máis univocamente positivas e sobrevoa as contradicións ou os aspectos máis discutibles da súa personalidade. Amabilidade excesiva? Máis ben militancia honesta, en ningún momento disimulada e perfectamente coherente coa vocación didáctica (e non falamos do ámbito académico) da obra. O santoral heterodoxo (herético?) exposto por Bagieu non pretende ser un compendio de ensaios biográficos que revelen a verdade profunda detrás das vidas das protagonistas, senón apenas unha chamada de atención. A autora sinala fíos dos que paga a pena tirar e deixa ao lector a decisión de facelo.

Source: Un ollo de vidro

2017-12-01T10:50:00+00:00 01 / 12 / 2017|Un ollo de vidro|