Qadriños: Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Qadriños: Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine

Qadriños: Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine

A medida que se achega o verán, os fanzineiros poñen as máquinas a funcionar para poderen presentar os seus traballos en eventos de autoedición estivais como o Autobán da Coruña ou No Tengo Mamá de Vigo, ademais de aproveitar sinerxias con festivais coma Viñetas dende o Atlántico. De entre a variada oferta de fanzines aparecidos nestas datas destacamos tres que teñen en común a súa ambientación fantástica ou futurista, aos que engadimos un número especial dunha coñecida revista estranxeira en cuxas páxinas atopamos o novo traballo dun dos máis sólidos valores da nova banda deseñada galega.
 
Altar Mutante #7
Un dos clásicos do panorama galaico da autoedición dos últimos anos é Altar Mutante, revista consagrada ao “horror putrefacto e ciencia ficción graxenta” que dirixen Luis Sendón e Álvaro López e que acada xa o seu sétimo número. Fiel ás premisas sentadas nas primeiras achegas, a cabeceira acolle os traballos dos autores habituais (Sendón e López, Cráneo, Benlloch…) ao tempo que incorpora colaboradores ocasionais (Dani Xove, Jagoba Lekuona, Gairah Love…). Cada un deles asume o espírito que inspira a publicación dende as súas propias coordenadas creativas, dándolle forma de ciencia ficción hiperviolenta, fábula perversa, terror urbano, espada e bruxería ou humor macabro. O menú é máis variado do que podería parecer, sendo os mellores petiscos aqueles que provocan unha certa ansiedade pola súa inevitable brevidade. Por destacar algúns: a colaboración de Kike J. Díaz amosa o indiscutible progreso dun autor que debutou hai cinco anos co ambicioso Nordés e que leva tempo afinando un estilo máis próximo ao cartoon; Kike Benlloch e Diego Blanco ofrecen un relato de contornos ásperos que resulta interesante pola súa proximidade, talvez casual, ás claves literarias de Hawthorne ou Borges; e finalmente, Debelius atopa a mestura exacta de humor e gore nun capítulo que recunca no espírito das súas achegas nos números anteriores. O debuxante vigués está chamado a cumprir nun futuro inmediato coas grandes expectativas que os seus traballos recentes están a xerar.
 
Amair #1

Un que este ano se amosa especialmente prolífico é Kike Benlloch. Ademais de colaborar en Altar Mutante presenta dous cómics autoeditados, Amair e Legado, ambos en formato grampa (é cando menos un paradoxo que a grampa, que perdeu hai tempo a súa preponderancia dentro do cómic comercial, estea a ser recuperada dende o ámbito da autoedición) e primeiros capítulos de senllas sagas que continuarán en futuras achegas. Amair desenvólvese nun escenario fantástico semellante ao que o propio Benlloch creara para Cuimhne e a súa secuela, Cuimhne: La deuda, aínda que o ton poético que presidía aqueles dous relatos (especialmente o segundo) é substituído aquí por un alento épico que o fai abalar decididamente cara o xénero de aventuras. A fantasía guerreira é un terreo no que o debuxante Luis Sendón sabe desenvolverse con soltura, sendo a ambientación, a creación de paisaxes e a definición visual dos protagonistas, onde o seu traballo brilla máis. Moi suxestivo cando a narración avanza de forma pausada, as súas páxinas reséntense nos lances de acción, onde o seu característico trazo groso tende a recargar excesivamente as viñetas. Este primeiro capítulo esgótase na presentación da premisa argumental, na que uns deuses escuros utilizan a dúas tribos rivais para enfrontárense entre si. O personaxe de Amair, chamada a ser a protagonista do relato, ten unha participación menor que supoñemos que aumentará en futuras achegas.
 

Legado #1

Pola súa banda, Legado transpórtanos a un escenario de ciencia ficción clásica no que se escenifica a confrontación entre o individuo e as grandes estruturas de poder. Xulia Pisón, que xa amosara a súa querenza polas paisaxes futuristas en ∞-1, segue a medrar como artista a medida que asume retos cada vez máis ambiciosos. A pluralidade de personaxes protagonistas deste cómic, a súa estrutura non lineal e o ritmo cambiante ofrécenlle a ocasión para despregar toda unha serie de recursos narrativos e de caracterización que probablemente non tivera oportunidade de ensaiar ata o de agora, cun balance claramente positivo. A historia desenvólvese en dúas partes, polo que o final deste primeiro capítulo deixa todas as portas abertas. Agardemos que o segundo e derradeiro non se demore demasiado, e non só para que non esvaeza o interese da trama, tamén para manter a unidade de estilo. Unha artista en crecemento como Pisón pode evolucionar moito nuns poucos meses.
 

Judge Death: Darkness descends
 
Malia non tratarse dun fanzine, non resulta forzado mencionar aquí o novo cómic de Xulia Vicente. En primeiro lugar, porque a debuxante non está desvinculada da escena da autoedición da que formou parte activa durante os últimos anos; e, en segundo lugar, pola afinidade temática dos cómics que acabamos de mencionar co seu traballo máis recente, unha colaboración coa lendaria revista británica 2000 AD. O magazine inglés de ciencia ficción por excelencia ten cambiado moito entre os anos 80 e a actualidade. Aínda que moitos dos personaxes seguen a ser os mesmos (os Xuíces Dredd e Anderson, Rogue Trooper, Tharg…) o enfoque ten mudado de maneira irremediable. A contratación de Vicente, debuxante de estilo riquiño, abonda para corroboralo, máis se consideramos que a súa colaboración ten como protagonista o sinistro Xuíz Morte, un secundario habitual nas aventuras do Xuíz Dredd que acadou o seu pico de popularidade nos lapis de Brian Bolland. A versión da galega pouco ten que ver coa dureza hiperrealista do debuxante inglés. O seu relato, escrito por unha das guionistas habituais da cabeceira, Leah Moore, entrecruza o camiño do Xuíz zombie cun grupo feminino de música punk, dándolle á trama unha ancoraxe cotiá que facilita o encaixe da debuxante. Agradécese o necesario cambio de rexistro dunha Vicente cuxos traballos máis recentes (Ari, cazador de dragones, Duerme pueblo) transcorrían en escenarios menos sinistros. Tamén se agradece o contraste de ler, neste mesmo exemplar, unha aventura do Xuíz Dredd ou un capítulo do clásico serial Future Shocks debuxados por artistas de claves creativas tan distantes coma Babs Tarr e Tillie Walden respectivamente. 

Source: Un ollo de vidro

2018-08-30T05:01:00+00:00 30 / 08 / 2018|Un ollo de vidro|