Qadriños: A volta de Norberto Fernández

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Qadriños: A volta de Norberto Fernández

Qadriños: A volta de Norberto Fernández

Unha das sorpresas agradables que nos deixou o pasado verán foi o retorno de Norberto Fernández, a quen perdéramos a pista tras os seus traballos para o mercado norteamericano hai aproximadamente catro anos. Un cómic asinado por el, O báculo de Daghdha, foi distribuído no mes de xullo de forma gratuíta por varios xornais do País, tanto en papel coma en formato dixital, con versións en galego e portugués. Trátase dun título promovido polo Eixo Atlántico cando se cumpren 25 anos da súa constitución, un deses traballos por encomenda financiados por institucións públicas ou semipúblicas que teñen un aquel estraño, xa que non se sabe moi ben cal é o razoamento que está detrás da súa promoción nin o rendemento que se lles presume, pero que nos máis dos casos son un agasallo para os autores que os levan a cabo, e non só por seren un balón de osíxeno económico, senón tamén por contaren cunha distribución que dificilmente pode acadarse no circuíto convencional do cómic. 
O báculo de Daghdha relata unha aventura da profesora universitaria Flavia Faulkner, que se verá obrigada a percorrer algunhas das vilas e cidades máis senlleiras do Eixo Atlántico, que forman parte tamén da ruta portuguesa do Camiño de Santiago, na procura dun trebello dotado de facultades extraordinarias, o báculo da divindade irlandesa Daghdha. Na súa busca ela e máis os seus compañeiros deberán recuperar diferentes pezas dun crebacabezas agochadas en lugares coma a Catedral de Coimbra, a Igrexa do Bom Jesús en Matosinhos, o Templo de Santa Luzia en Viana do Castelo, o Mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos ou a propia Catedral de Santiago, mentres se  enfrontan a unha sociedade secreta que tamén persegue o instrumento polos seus poderes máxicos. Arredor do periplo dos protagonistas polas principais vilas galegas e do Norte de Portugal constrúe Fernández unha aventura xuvenil na que, ademais das consabidas sorpresas e xiros de guión, non faltan chiscadas ao lector en forma de aparicións fugaces de personaxes famosos. 
Nunha das primeiras páxinas do álbum Fernández deixa ver un exemplar de A marca marela, o que probablemente sexa o álbum máis célebre de As aventuras de Blake e Mortimer de E. P. Jacobs, unha pista que deixa clara o propósito do autor de situarse na tradición aventureira xuvenil da BD franco-belga. O rexistro formal adoptado por Fernández, que sen renunciar ao seu propio estilo abala decididamente cara a liña clara, e o propio formato da obra, un álbum ao xeito do mercado francófono, confirman esta declaración de intencións. Non deixa de ser rechamante esta opción, que noutro tempo encarnaría o formato máis típico do cómic xuvenil, pero que na actualidade semella xa anticuado. No caso galego, os primeiros 90 sinalaron o derradeiro grande auxe da BD francófona, aparecendo en galego cabeceiras coma Bieito Fendeferro, Xil Pupila, Franka, Os Centauriños ou mesmo Jerome K. Jerome Bloch, que viñan a sumarse aos dous clásicos por excelencia, Asterix e Tintin. Mais foi o canto do cisne, dende a caída daquelas liñas editoriais os proxectos semellantes non pasaron do anecdótico, abalando os intentos posteriores de ofrecer banda deseñada xuvenil en galego cara revistas como Golfiño, Galimatías ou máis recentemente Xabarín. De aí que resulte difícil sabermos se o autor se incorpora de novo a esta corrente cun sentido nostálxico, se se trata de tentear as posibilidades actuais dun produto destas características ou se simplemente, polo motivo que fose, o quixo así o promotor da iniciativa. 
O báculo de Daghdha deixa claro que a versatilidade é unha das grandes virtudes do seu autor, que se amosa aquí capaz de achegarse á liña clara europea igual que adoptou un rexistro gráfico máis próximo ao cómic norteamericano cando traballou para aquel mercado. O clasicismo da súa proposta faina idónea para os nenos e nenas daqueles anos 90 nos que a BD franco-belga tiña un pequeno oco no noso mercado, pero resulta dubidoso que o sexa tamén para a rapazada que hoxe devora ficcións vertixinosas como Rick e Morty, Hora de Aventuras ou Steven Universe. Mais se hai algo que canga a proposta é unha presentación case publicitaria do patrimonio monumental das vilas do Eixo Atlántico que entorpece o decorrer dun relato que podería ter respirado de xeito máis natural sen esa peaxe. Unha mágoa, xa que a suma do elenco de personaxes deseñados por Fernández cos mesmos escenarios nos que transcorre a acción podería ter desembocado nunha agradable ficción aventureira de non ter que someterse a un desenvolvemento tan ríxido.

Source: Un ollo de vidro

2017-11-07T09:57:00+00:00 07 / 11 / 2017|Un ollo de vidro|