Polémica polo trato ao libro en galego na Feira da Coruña

Inicio/INFORMACIÓN/Letra en Obras/Polémica polo trato ao libro en galego na Feira da Coruña

Polémica polo trato ao libro en galego na Feira da Coruña

Eli Ríos

A feira do libro da Coruña, un dos mellores escaparates do sector editorial galego, vén acompañada este ano de sobresaltos e polémica. Relega a organización a literatura galega a un segundo plano? Prebendas para os autores foráneos e precariedade para os do país? Eli Ríos abriu a billa das críticas este domingo cun texto (“Ata cando imos calar?”) no que dispara contra a Federación de Librarías de Galicia e o Concello da Coruña: “(…) a programación da Feira do Libro, a Federación de Libreiros de GALICIA (nótese a retranca) e a Carpa dos Libros ofrecen 52 eventos relacionados co libro en galego e 70 en español. Deses 52 a maioría están colocados fóra da fin de semana ( só catro en galego nesta franxa). Deses 70 en español hai unha grande cantidade que están presentados por escritor@s galeg@s que, na programación oficial e difundida desde o mesmo Concello da Coruña, colocan os seus respectivos nomes en minúsculas mentres que os d@s escritor@s en lingua española están en maiúsculas.”

Pero Eli Ríos vai moito máis aló e pon de manifesto a dobre vara de medir da Federación de Libreiros cos autores e autoras galegas “(…)Esas mesmas persoas que durante os meses que non hai Feira organizan presentacións de balde no voso comercio para que as grandes plataformas de venda non vos obriguen a baixar a reixa. E de balde imos ás Feiras. Si, é certo, as persoas que escribimos pagamos a nosa gasolina, as peaxes, dedicamos horas ás viaxes, etc, e iso sae dos nosos petos. E nunca nos queixamos. Ata agora.” No texto, logo de preguntarlle ao goberno local se “realmente é este o sistema literario que queredes defender?” tamén pide que se debullen publicamente os datos do que se investiu na feira do libro.

Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas sumouse pouco despois ás críticas dende as redes sociais:  “Contraprogamar do xeito en que se fixo é para min sinónimo de boicotear. E o boicot ao libro galego e as autoras e autores galegos desde certa parte do sector das librarías coruñesas, co apoio económico do Concello da Coruña, é algo tan delirante que a esta altura coido que só queda recibir unha explicación de quen corresponde. Polo que a min respecta, se este é o modelo que se vai implantar de agora en diante na Feira do Libro da Coruña, baixo deste tren en marcha. Xa haberá outro ao que subir. Outro onde nos mimen, nos coiden e nos respecten”.

Máis comedido, pero tamén crítico, o máximo responsable de

M. Bragado

Xerais, Manuel Bragado, publicou este luns unha entrada no seu blog (“Sobre a a organización da Feira do Libro da Coruña”) na que expresa a súa “decepción” coa feira coruñesa e pide unha reflexión sobre a necesidade de repensar estes eventos

 

Source: Letra en Obras

2017-08-07T12:37:35+00:00 07 / 08 / 2017|Letra en Obras|