Polas Raias secas e molladas

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Polas Raias secas e molladas

Polas Raias secas e molladas

Arraino entre Arraianos

X.L. Méndez Ferrín

Adral de Xosé Benito Reza

Limiar de Aser Álvarez

Edicións Positivas / Revista Araianos, Santiago de Compostela, 2017, 183 páxinas.

 Hai ben de anos que decidín colectar todos os artigos que Xosé Luís Méndez Ferrín publicaba no xornal Faro de Vigo. Aquelas “Segunda feira” que aparecía os luns e “Os camiños da vida” dos venres, porque tamén eu acudía “coma un lobo solitario” á lectura dos artigos de Ferrín, xa que me decataba de que rachaban os “fíos de seda aceda”  capaces de tecer a arañeira que estrangula calquera manifestación discrepante da do poder establecido. Menos os fíos de seda de Méndez Ferrín que nunca, ao menos na súa escrita, tivo medo, se cadra grazas ao seu pensar  dialecticamente metaforizados na espiral, un símbolo que nutre moitos dos seus libros.

Se na súa lírica o “numen de mel e ferro ruibo” como din as palabras derradeiras do poema “Tito Lucrecio Caro” de O fin dun canto, e nos seus relatos e novelas abrolla un mundo propio ateigado de forza e incitacións, á vez que evocan lucidísima imaxinación, atmosferas de mundos idos (como tal, aquela asneira que entrou de vez na Universidade de Santiago), nos seus artigos xornalíticos escritos con pulos e verbas para alén dos indispensables eruditos e vans ensaístas, afoutase co risco do pensamento, coa teima de propoñer enunciados, en pequenas achegas e proporcións, esteados na ilustración crítica ou na revolta intelectual, capaz de guindar os dados como enunciara Mallarmé. Nos artigos de “Segunda feira” ou de “Os camiños da vida”, atopa o lector perseverante anticipacións, revoltas e referencias desviadas ou heterodoxas para o pensamento dominante, saídas da pluma dese vate, guía e testemuño, Méndez Ferrín, que representa hoxe en día á literatura galega..

Non é a primeira vez que o labor xornalístico de Méndez Ferrín aparece recompilado nun libro. No ano 1998, en edición de Antón Capelán, Edicións Xerais publicaba as Prosas completas de Dosinda Areses, un dos heterónimos que empregou Ferrín naqueles anos da Reforma política. As colaboracións que viron luz nos xornais El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes e na revista A Nosa Terra. As prosas da “inesquecible e vella patriota” Dorinda Areses / X. L. Méndez Ferrín constituíron un dos fitos do xornalismo galego nos anos da Reforma política.

Arestora, en idea orixinal de Aser Álvarez (Revista Arraianos) e con escolla de Francisco Macías, aparecen en Edicións Positivas sesenta e oito textos que son unha parte minúscula, mais significativa das achegas de Ferrín ao Faro de Vigo. O libro cun significativo título Arraiano entre Arraianos, danos noticia do celme destes textos que o propio escritor describía deste xeito: “… nos artigos había un discurso literario meu que ía configurando un territorio de ficción e, ao mesmo tempo da realidade que vén sendo o espazo da Raía seca pero tamén da Raía mollada”

Artigos publicados ao longo dos últimos vinte e cinco anos, moitos deles reivindicativos, outros informativos, que tamén é outra forma de esixir, de reclamar cando o enxeño e unha colosal memoria nos fan palpar o sentir arraiano que, como escribe Xosé Benito Reza -outro que sabe de todos os recunchos, recantos, penedos e regatos de Galicia- autor do Adral deste libro, é un sentimento que nada ten que ver coa idea de fronteira.

 

X. L. Méndez Ferrín

Na xanela do faro de Vigo, Méndez Ferrín foi confirmando un relato das fronteiras de Galicia, das súas Raías, as interiores e as exteriores, os confíns dos verdes castros, os nomes e topónimos, as Galicias extraterritoriais, as serras que se ergue nas nosas Raias, os ríos e os bacelos do país, os osos soñados, e moitas outras crónicas e historias, sen esquecer as dos Montes de Laboreiro que nos aproximan a este pequeno pero único universo que é Galicia.

Un amplo Limiar de Aser Álvares no que dá conta de cómo se foi creando este libro e algunhas ilustracións -espectacular a de Emilio Araúxo na páxina 138- fan que este libro non sexa soamente unha posposta para libertarios e contrabandistas da palabra, senón tamén para traficantes -arraianos ou non-  de fermosuras.

Source: NOVENOITES

2018-02-07T22:24:34+00:00 07 / 02 / 2018|Novenoites|