Poética descarnada

Poética descarnada

Levo anos acompañándome da escrita de Diana Varela Puñal. Descubrina naquel seu inicial Fíos (2008), mais non foi ata o poderoso Animal abismo (2010) que comecei a comentar a súa poética, o que fixen logo coas súas incursións no eido da literatura infantoxuvenil, como en As trovas de Midas (2011), tamén coa suxestiva contística de Fin de Festa (2015) e préstame volver facer agora co seu máis recente poemario, Non, amor, publicado polo selo Medulia, sempre de interese nos títulos que dá a coñecer.

Os versos de Varela Puñal vólvense aquí máis dramáticos se cabe que en anteriores entregas. Hai en todo o libro un nubeiro desenganado que gravita sobre as verbas, aceirándoas na visión descarnada da realidade, non sempre amable.

Os poemas, longos, discursivos, presentan unha estrutura alternante que vai cosendo treitos versais nos que a voz lírica verte os seus pensamentos perante a contemplación duns nenos a xogar nun areal e outros treitos nos que as composicións se retrotraen ao pasado, ben da propia infancia e mocidade, ben de diversos momentos da andaina adulta, mais sempre pa(i)rando neses intersticios de fractura, nos momentos de crise, pasos traumáticos ou epifanías tristurentas que nos ensinan o complexo e difícil da vida.

Especial relevo adquire o diálogo coa finitude, a asunción de ser animais para a morte e o vínculo especial e grave que con ela nos ata. Dende a súa sombra, todo o noso vivir é reinterpretado, o Tempo cobra sentido e tamén os días andados, que aquí teñen, por veces, un aquel de ladaíña saudosa ou inevitable tempus fugit.

A poética de Varela é dunha dicción arestada, nada amable, que arrisca na forma e nas imaxes e expresa con contundencia un magmático universo interior, cheo de erupcións volcánicas, mais tamén de envisas contemplacións para compensar.

Este Non, amor vai precedido dun longo prólogo da autora. É imprescindible a súa lectura. Do contrario será imposible penetrar no seu territorio creativo con garantías de éxito. Nestas páxinas ofrece moitas das claves para ben interpretar o sentido dos versos, a agonía que neles late e a denuncia dolorosa que anuncian. Prosa de fondo alento reflexivo, case filosófica en ocasións, que é, abofé, outra achega de valor do libro.

Mais, por se todo o anterior non abondase, Non, amor é máis que un intenso poemario. É tamén un libro-dvd, pois os textos que poden lerse nas súas planas ofrécense ademais nunha versión sonora recitados pola propia autora, o que posibilita unha lectura alternativa, engadindo todo un caudal de significados suplementarios mercé ao pausado, entoación e ritmos cos que Varela Puñal arroupa o seu exercicio rapsodo, pois xustamente a preponderancia da dimensión musical é unha das constantes na poética desta coruñesa.

O desgarro vital, os silencios que habitamos, a memoria melancólica do que esvae, tamén a afirmación diante do ineludible final son referencias axiais neste Non, amor, co que Diana Varela Puñal confirma a plenitude da súa voz, para ledicia dos que hai tempo a lemos e os que de seguro comezarán agora a facelo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 8-10-2017]

Source: Criticalia

2018-02-27T09:20:07+00:00 27 / 02 / 2018|Criticalia|