Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias

Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias

Xela Arias

Poesía reunida (1982-2004), edición de María Xesús Nogueira

Xerais, Vigo, 440 páxinas, 21 €, 2018.

 

Van xa máis alá de quince anos desde o falecemento de Xela Arias, poeta, editora, tradutora e profesora. Este libro, que ofrece os seus catro volumes de poesía publicados de difícil acceso desde hai tempo como foron Denuncia do equilibro (1986), Tigres coma cabalos  (1990), Darío a Diario (1996) e Intempériome (2003), ao que se engade outra sección que recolle poesía dispersa publicada en diversos lugares, encerra o poder de evocar a súa presenza e, claro é, supón unha oportunidade para deitar unha ollada global á súa obra poética, nesta ocasión grazas ao traballo modélico da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira, responsable dun necesario limiar e da fixación textual definitiva.

Probablemente hoxe a poesía de Xela Arias sexa máis admirada que lida e esta Poesía reunida supón unha achega determinante tanto para divulgar a súa estética como para achegarse ao preciso desvelamento dalgunhas das claves que orientan as liñas de sentido dunha voz absolutamente radical, independente e consciente sempre que o seu era percorrer un camiño desde a individualidade, desde a intención de ser voz dela mesma, desde a instancia de abrazar coa palabra principios irrenunciables, entre eles, a heterodoxia creadora, a propia lingua galega e o feminismo.

A súa obra, agora analizada desde a perspectiva que posibilita unha visión globalizadora, desvélase como unha produción creativa viva, intensa, transgresora, orixinal e, ao mesmo tempo, dura, innovadora e descarnada; sen dúbida tamén inacabada, como o foi doutras voces que tiñan aínda moito que ofrecer. Con todo,  a poesía de Xela Arias transloce con solidez  principios que reparan na procura de novas formas de expresión para ofrecer tamén unha lectura distinta do corpo como materia poética, sen esquecer sistematizar unha nova visión da maternidade ou exhibir unha permanente esculca nas contradicións do ser humano, onde a demolición da linguaxe e a procura dos seus límites supuxo un dos seus grandes achados.

Poesía reunida é un libro para celebrar e unha oportunidade para o reencontro con esa “espiral continua / sinuosa, delicada e interminable” que é a súa obra.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 8 de marzo de 2019.

 

Source: Caderno da crítica

2019-03-09T09:07:38+00:00 09 / 03 / 2019|Caderno da crítica|